¿Que dicir da etapa? Faltou un pouco de sorte ó final despois de subir os últimos kilómetros en solitario, pero días como os de onte son moi grandes para un corredor aínda que non se gañe porque por un lado dase espectáculo e por outro toda a xente recoñece o meu esforzo.
Quedei segundo, por detrás de Igor Antón, do Euskaltel. Antes do ascenso a Pal dixéronme os do meu equipo que Antón estaba relativamente mal colocado, así que lle dixen a Rabuñal que tirase do grupo para facer unha selección. Eu en canto vin algún careto de sufrimento nos meus rivais e vin que comezaban a empinarse as costas arranquei para arriba sen importar as consecuencias.
Por radio decíanme que Igor Antón non estaba, Frank Schleck quedábase a medio camiño, Joaquím Rodríguez non ía e Nibali tampouco, así que eu soamente pensei en seguir para arriba, se aguantaba, aguantaba e se estoupaba, estoupaba. A idea foi atacar e manter o ritmo ata o final. O feito de que os meus adversarios quedasen polo camiño motivoume a seguir tirando e Álvaro Pino dábame animábame dende o coche, pero a falta dun kilómetro e medio vin para atrás, e cando me din conta de que aparecía un tipo de laranxa decateime de que a etapa estaba perdida, porque Igor Antón ten mellor final ca min. Eu xa dixen antes de comezar a Volta que Antón é o que mellor vai costa arriba. Pero estou contento de facer segundo, gústame facelo detrás del.
Agora penso que se atacase un pouco máis tarde tería máis opcións de levarme a etapa, pero quizais non lle tivese arañado tanta diferencia ós meus rivais de cara a xeneral, porque ó fin e o cabo, o meu obxectivo é o podio e non me gusta facer pronósticos co liderato, aínda que vestir o maillor vermello sería un soño. Hoxe son máis positivo que antes, xa vexo o vaso medio cheo e tan so pido que en Asturias vaia coma onte, porque se en Lagos de Covadonga ou en Cotobello volvo a ter as mesmas sensacións que tiven en Pal volvereino a intentar. Subindo así se sofre, pero se sofre a gusto.