"A dobre páxina. Baldo Ramos e Pepe Cáccamo" é a terceira fase dun ciclo de colaboracións entre estes dous artistas que comezou no ano 2015 con "Cara inversa" e despois coas mostras baixo o título de "Libros conversos".

A mostra pode visitarse na sala de exposicións I da sede de Afundación na rúa Policarpo Sanz de Vigo ata o vindeiro día 28. Esta mesma tarde, e o luns 23 de abril, haberá visitas guiadas ás 19.00 horas.

Empregando o libro-obxecto ou libro intervido, como explica o vigués Pepe Cáccamo, nesta exposición fan unha aproximación máis intensa dos seus traballos pois ambos modifican e interveñen o mesmo libro.

"Son libros que imos modificando aproveitando a propia virtualidade significativa que os libros ofrecen, pois non son unicamente un soporte, senón que se integran na obra", explica Cáccamo.

Cada un traballa nunha páxina e, deste xeito, ven o traballo do outro antes de facer o seu. "O diálogo entre nós é estimulante. Aprendemos moito un do outro, os códigos expresivos vanse contaxiando. É moi gratificante tamén polo punto de humildade da mostra, onde a individualide queda oculta polo común", di o vigués.

Nestas 35 obras expostas beben da tradición dos ready-made onde a arte supera os marcos estreitos da súa definición.