A cara máis visible de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, comunicou onte a súa baixa voluntaria como capitán do buque insignia da edición en lingua galega tras 24 anos na primeira liña. "Pretendo que un proxecto coletivo como Xerais continúe co apoio dos lectores", di Bragado, colaborador de FARO, que seguirá vencellado coas empresas do Grupo Anaya en Galicia como asesor editorial. Pero agora volve ás aulas, onde comezou a súa andadura profesional.

-Deixa o cargo de director xeral da editorial Xerais, é unha decisión moi meditada?

-Si, a verdade é que é unha decisión persoal. É unha baixa que solicitei a petición propia despois de 24 anos asumindo a dirección da editorial. Estando na primeira liña da batalla. Teño a fortuna de poder continuar vinculado á editorial asesorando na estratexia aos responsables da xestión e tamén teño a fortuna de recuperar a miña actividade profesional como mestre a partir do próximo curso.

-Volve ás aulas?

-A verdade é que son mestre de Primaria e Educación Infantil e galeguista da Nova Escola Galega, de feito fun dos fundadores. E a miña estirpe está na escola, a onde volvo e de onde procedo, iso téñoo perfectamente claro.

-Sabe onde lle tocará dar clase?

-Dependerá do concurso no que me presente de adxudicación de vacantes, durante o verán, para reingresar. Espero que a fortuna me depare algo interesante que descoñezo neste momento.

-Ten vertixe?

-A maior vertixe é a dos afectos. Son todas as persoas que tiven a oportunidade de coñecer, de amigar e de admirar ao longo de todos estes anos, e coas que me sinto en débeda. O único que pretendo é que o proxecto coletivo de Xerais continúe porque a forza dos lectores e lectoras é o que fai viable unha empresa como a nosa.

-Que proceso se abre agora en Xerais para o nomeamento dun novo director ou directora?

-Agora o Grupo Anaya nomeará un novo director editorial e continuará a actividade da editorial. Agardo que o faga dun xeito reforzado, cun novo liderado renovado e co brío, enerxía e intelixencia que ten o noso persoal. Nese sentido é un momento de esperanza, pero é un momento moi difícil para o sector; para todas a empresas como a nosa é moi difícil iniciar unha nova etapa. A verdade é que levo máis de dúas décadas asumindo unha responsabilidade moi complexa e isto require un novo pulo, novos azos para acometer o que hai que facer.

-Pode ocupar a dirección agora unha persoa allea á editorial?

-O Grupo Anaya é o dono da nosa empresa. Nós formamos parte da multinacional Hachette. Son eles os que toman as decisións. Pero ben, polo que coñezo estou moi ilusionado porque o noso proxecto continúa na liña do cadro de profesionais que levamos a xestión da editorial desde hai varias décadas.

-Como foron estes anos?

-Isto forma parte da miña vida. Foron 28 anos de xestión dos 38 anos da editorial. Son anos inesquecibles. Difíciles, sobre todo os dez últimos. E para min é un orgullo continuar mantendo algún tipo de relación con Xerais.

-Marcha sen unha Lei do Libro funcionando realmente.

-O día 19 hai unha xornada na que se vai valorar iso. É un bo momento para avaliar a última década dun sector que está nun proceso de hibridación e de cambio moi profundo. Con todo, segue sendo a industria cultural máis estable de Galicia; estable e precaria.