A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da súa Secretaría Xeral de Política Lingüística, fixeron hoxe entrega dos XIII Premios á Calidade Lingüística, uns galardóns outorgados polas comisións de normalización lingüística da universidade compostelá cos que as dúas institucións impulsan o uso e a visibilización do galego no ensino superior. No acto participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen animou ao alumnado premiado a "seguir empregando o idioma propio de Galicia como ferramenta de traballo tanto da vida académica como profesional".

Recolleron cadanseu premio 15 alumnos e alumnas dos campus compostelán e lugués que concorreron canda máis dun cento de compañeiros e compañeiras que tamén optaron a eles. Recibirán, segundo o establecido nas bases, unha dotación económica de 500 (na modalidade de fin de mestrado), 300 (nas modalidades de fin de grao e de fin de carreira) e 150 euros (na modalidade de traballo académico), ademais dun diploma acreditativo.Participaron tamén na entrega, que se celebrou na Facultade de Xeografía e Historia, a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Mª do Carme Silva; o decano, Francisco Durán; e o director do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala.