"Cando era pequeno Laxeiro saíame ao camiño", asegurou onte Xosé Luis Méndez Ferrín na presentación do Premio Laxeiro, do que este ano é merecedor. "Eu non son ningún crítico de arte nin teórico da estética, nin moito menos especialista en Laxeiro, pero si que son un espectador de pintura desde neno", engadiu con humildade Ferrín, que topábase con esas pinturas desconcertantes do artista que comezou relacionando co surrealismo e acabou vencellando coas tallas das igrexas románicas.

Ferrín explicou que o pintor lalinense influiu tanto na súa adolescencia que de vez en cando ten soños dentro dos seus cadros. "Soños reais porque os soños son tan reais como a vixilia. Aparecen figuras de Laxeiro, sobre todo nos máis desagradables, nos meus peores pesadelos. O cal non quere dicir que eu odie a Laxeiro, senón que el me subministra material para a miña imaxinación en forma de soño: cando o subconsciente se desata e aparece o mellor e o peor de nós, sempre encriptado, oculto como di Freud, iso é Laxeiro", confesou o premiado onte, nun acto no Concello de Vigo, no que participaron o alcalde da cidade, Abel Caballero; o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez; o Secretario Xeral do Padroado da Fundación Laxeiro, Carlos García-Suárez; o director artístico da fundación, Javier Buján; e o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado.

"Laxeiro ten sempre unha mensaxe oculta nos seus cadros, todos eles narrativos, que contan unha historia", sinalou Ferrín sobre a "pintura colosalmente fantástica" do lalinense.

O escritor, "figura literaria e política das que fundamentan a Galicia contemporánea", como afirmou Manuel Bragado, recibirá o galardón este sábado nunha comida de confraternidade que se vén celebrando para recordar ao pintor polo seu aniversario. Un recoñecemento a "toda unha vida dedicada á literatura galega, na que, coas súas obras acadou un nivel de calidade excepcional".

Caballero, tamén presidente do Padroado da Fundación Laxeiro, resaltou a "inigualable capacidade creativa" do premiado e revelouse como lector habitual dos seus artigos no FARO. "Dos seus artigos en prensa leo e aprendo, como o facemos todos", manifestou. O alcalde tamén reiterou o respaldo do Concello á Fundación Laxeiro e asegurou que o pintor é "unha figura inmortal que todavía se pasea polas rúas de Vigo".

Os asistentes destacaron a calidade dos premiados en anteriores edicións do Laxeiro, e neste senso, Caballero salientou que son uns galardóns recentes pero "moi acreditados".

Méndez Ferrín leva máis de sesenta anos dedicados á creación literaria como poeta, ensaísta e novelista e case os mesmos anos como articulista. Pero, quédalle algo por facer? "Si, pero xa non o vou facer", bromeou. "Non hai tempo, sempre fun moi aficionado ao cine e frecuentei a antiga escola de cine de Madrid... tamén quixen ser científico, pero iso pasábame porque lin moitas novelas de Julio Verne. Eu quería ser un deses científicos franceses que aparecen explicando todo nas súas historias", contou.

Na presentación de onte Ferrín avanzou que está traballando en novas obras. "Sempre hai cousas no caixón e sempre se podería escribir un relato sobre o que contei aquí", dixo, mais non quixo desvelar nada sobre futuras publicacións.