Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fernando Barroso: "O silencio é un concepto agradable e agradecido"

"O concerto de Vigo será o primeiro de presentación do novo disco", protagonizado pola mandolina e o cello

El músico Fernando Barroso.

Este ferrolán de nacemento considérase un morador da raia. Habitante do Baixo Miño, foi Vigo a cidade que o acolleu con 18 anos. "E por aquí ando", engade Barroso a poucas horas do concerto que abrirá mañá -ás 20.30 horas no Auditorio Municipal, con entradas a 12 euros- a sua nova xira coa que presentará o seu segundo traballo discográfico, "Silence lovers club". Neste excelente álbum faise dono das cordas da mandolina acompañado polo exquisito violonchelo da viguesa Margarida Mariño. Nesta entrevista a FARO, Fernando Barroso fala deste disco, da musicalidade e do silencio.

"O de Vigo será o primeiro concerto de presentación. Será importante como punto de partida. Xa teño varias datas pechadas como León, Sant Boi de Llobregat, Barcelona ou Madrid", explica este músico que ten traballado con Xabier Díaz ou Budiño.

- Este disco, cuxa protagonista é a mandolina, ten moita persoalidade e forza, e chámame a atención de que mande nel a mandolina.

-É un trabalo que levo facendo neste último ano, despois do primeiro disco en solitario, "Intropía". No 2017, senteime a preparar un repertorio que quería levar ós directos; a mandolina era instrumento ó que lle tiña moitas ganas. Non o tocaba pero non me resultaba descoñecido. A vontade era facer un repertorio novo para directo cunhas melodías con diferentes influencias e amalgamas de timbres e cores e acaban de darlle un toque final con coherencia.

- E como foi a fichaxe de Margarida Mariño

-Tiña claro dendo o inicio que quería chamala. Cando empecei a facer as melodías coa mandolina tamén fixen arranxos para violonchelo. Ela fixo unha pequena colaboración no disco anterior. Gústame a musicalidade que ten, gústame a mistura dos timbres.

- O disco sona moi fresco, moi aditivo, sona a moitas músicas.

-Gostei sempre moito da música clásica e nesta ocasión adaptei melodías clásicas ó instrumento, o que foi unha aprendizaxe. Gustábame moito a música feita con laúde árabe, estiven cheirando un pouco sobre el. Non quero dicir que me sente pensando directamente en copiar isto ou o outro senon que asimilas o que consumes, iso vai quedando dentro e ofrece pinceladas de instrumentistas que admiras.

- Cal é a historia do tema "D-swing", un chiscadela ó jazz?

-Foi a primeira composición que fixen coa mandolina. A min, saiume así e cando arranxaba a peza pensei que tiña influencias da música swing, do "Minor swing" de Djanjo Reinhardt, salvando as distancias.

- Este é un álbum fundamentalmente instrumental pero nel hai dous temas cantados. Como xurdiu "O Barqueirinho", o primeiro single que ademais ten un vídeo cos dous tocando en varias chalanas?

-Cando estaba rematando o disco pensei que me gustaría ter duas cancións con letras, fixen duas revisións de músicas populares e collín coplas das cantigas populares. "Ausencia" era unha cantiga que falaba de Marín e eu adiqueilla a Ferrol; empeza dicindo 'eu de Ferrol ausenteime'. Chamei a Celina da Piedade para grava-la voz e o acordeón para a peza. Con "O Barqueirinho" foi un pouco o mesmo: revisión dunha cantiga popular adaptada ó ritmo composto e ó final cantámola Margarida máis eu.

- "Silence lovers club" semella unha volta ó mundo polas musicalidades.

-Para min, é difícil etiquetar a miña música. É posible que o disco dea un paseo por zonas xeográficas, pero eu intento facelo coa intención de crear estilo meu propio; non sei se o consigo. Quería crear melodías que seduzan. Máis alá do virtuosismo técnico o que fascina é a capacidade dalgúns músicos de facer melodías cautivadoras.

- A capa e interior do disco, a modo de banda deseñada, quedou moi ben.

-É de Marta Guijarro, deseñadora, que me propuxo falar cunha ilustradora, Raquel Gu, para que fixera as ilustracións e personaxes como se fose un espectáculo ó vivo nun clube de música. Non queriamos facer fotos e pensamos nas ilustracións. A idea era envia-la mensaxe de que é un formato pensado para concerto, queriamos ilustra-la presentación dun espectáculo nun clube de música hipótetico nunha cidade calquera.

- Por que o silencio é protagonista no título do traballo?

-Había que poñerlle nome ó clube de música da ilustración e decidín facerlle homenaxe ó silencio. É un concepto interesante. É o clube dos amantes do silencio. Eu agradezo moito o silencio, gústame. Tódolos grandes músicos din que o silencio é tanto ou máis importante cás propias notas. A nivel social, nesta época que vivimos hai moito ruído, polas redes sociais, o ruído ambiental. O silencio é un concepto agradable e agradecido.

Compartir el artículo

stats