O vigués Antonio García Teijeiro acaba de escribir unha nova páxina de ouro para a literatura galega. Faino co seu poemario destinado ó público máis novo "Poemar o mar", que acaba de recibir o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que outorga o Ministerio de Cultura, dotado con 20.000 euros.

"Poemar o mar" é un libro editado en galego por Xerais que supón o peche dunha triloxía que iniciaron as obras "En la cuna del mar" (Creotz Ediciones) e "Palabras do mar" (Embora). Críticos teñen dito sobre a obra galardonada que supón "a actualización de toda a poesía galega do mar, dende Johán de Cangas e Mendiño, pasando por Manuel Antonio e Cabanillas".

Por parte do xurado do Premio, segundo informa o Ministerio de Cultura, "decidiuse premia-lo autor e a súa obra por ser un libro cargado de emoción, cunha brillante elección léxica, onde o mar é o gran protagonista, poboado de criaturas que transitan por orixinais e suxerentes composicións poéticas".

Ademais da calidade literaria, na obra tamén resaltan as delicadas e emotivas ilustracións de Xan López Domínguez.