Xohana Torres, Berta Álvarez Cáccamo, Mabel Rivera, Uxía Senlle, Óliver Laxe, o proxecto Apego, a Fundación Rosalía de Castro e Cristina Pato son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2017, nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultura e Proxección Exterior, respectivamente.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, presidiu hoxe a reunión do xurado dos premios, que tivo lugar esta mañá na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. Integrárono o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández, por delegación do seu presidente; polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; polo secretario xeral da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Felipe-Senén López, por delegación do seu presidente; polo vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernández, por delegación do reitor. Este ano participaron tamén no xurado os profesionais da cultura Chelo Matesanz, artista plástica; Xosé Manuel Budiño, músico; Dolores Ben, presidenta da Asocaición Galega de Produtoras Independentes (AGAPI); e Belén Pichel, actriz e presidenta de Escena Galega. Actuou como secretaria a subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural, Cristina Fabeiro.

A Xunta de Galicia convoca cada ano estes galardóns co gallo de apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos. O galardón deste ano consistirá nunha obra do artista lucense Paco Pestana, que os premiados e premiadas recibirán nun acto solemne a realizar en próximas datas.