A historia de "A señorita Bubble", unha inventora que chega por sorpresa a unha vila onde é acollida cun "odio repentino", a última entrega literaria da escritora galega Ledicia Costas será presentada mañá en Vigo ante o público.

O acto será na Libraría Cartabón, sita no número 128 da rúa Urzáiz. A partir das oito da tarde, Ledicia Costas adentrará aos asistentes no máxico mundo da protagonista, unha muller que loita contra as convencións sociais e que na súa mansión agocha múltiples tesouros especiais.

Ademais de Costas, tamén participarán na presentación Icía Roca, Iolanda Veloso e Manuel Bragado, este último editor de Xerais, firma que se encarga da edición do novo libro da autora olívica que no 2015 recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil pola autoría de "Escarlatina, a cociñeira defunta".

En "A señorita Bubble", que conta coas ilustracións de Andrés Meixide, volve lucir a narrativa e diálogos inxeniosos así como un mundo fantástico. Frases como "á fin e ao cabo a vida era iso: arriscarse polas cousas importantes" ou "o mundo é como unha macedonia ou un xeado de tutufruti. Hai xente para todos os gustos" convidan a reflexionar sobre o que verdadeiramente paga a pena.