Os artigos de Ferrín sobre a 'raia' publicados no FARO saltan á versión libro

O proxecto preséntase o sábado no Festival Filmes do Homem de Melgaço e o día 10, nos Encontros de Cine Rural de Entrimo

02.08.2017 | 12:53
Ferrín, na homenaxe no 2015 ó cura Adolfo Enríquez, asesinado para roubarrlle a Virxe de Cristal. // B.L.

A lembranza da vella Gallaecia como unidade cultural, identitaria e paisaxística latexa en cada un dos artigos xornalísticos adicados á raia e asinados por Xosé Luis Méndez Ferrín en FARO DE VIGO. Agora, unha compilación destas achegas verá a luz en formato libro baixo o título Ferrín. Arraiano entre arraianos. O volume sairá á venda no outono pero o seu traballo de realización será presentado este sábado, día 5, no Festival Internacional de Documentário de Melgaço, Filmes do Homem; e na xornada do 10 en Entrimo (Ourense).

Detrás do proxecto, un dos nomes actuais do cinema galego: Aser Álvarez ( 100% CEF, Sísifo Confuso, Anacos de Vida). Preguntado polo resorte que o moveu a sacar adiante o libro, apuntou que "hai algo magnífico en como traballa a súa prosa. El é un gran xornalista. Ferrín foi o pioneiro en descubrir o que esta zona agocha. Nos seus artigos, fala do traspaso das fronteiras como fenómeno arraiano. Alí, fala do Miño, de Bragança, da raia seca...".

Unha escolma seleccionada destes, máis de 80, con engadido de fotos e ilustracións poderá ser consultada polos lectores nun libro en proceso de creación no que os artigos non estarán dispostos por orde cronolóxica na súa publicación no diario decano, senón pola zona xeográfica da que falan.

Álvarez engade sobre Ferrín que "ofrece unha relectura contemporánea da Gallaecia, traspasada hoxe en día por raias artificiais, a xeito de fronteiras".

Edicións Positivas será a encargada de sacalo do prelo, con prólogo de Xosé Benito Reza, escritor e enxeñeiro superior de montes que promoveu como director xeral de conservación da natureza promoveu a Lei de Protección da Paisaxe de Galicia, aprobada polo parlamento galego no ano 2008.

O proxecto de elaboración do libro será presentado por Aser Álvarez este sábado, día 5, no Festival Internacional de Documentário de Melgaço (Filmes do Homem) que, dende onte, se desenvolve na vila portuguesa. No terreo galego, a presentación terá lugar na xornada do 10 en Entrimo (Ourense) nos Encontros Arraianos de Cine Rural que terán lugar do 9 ó 11 na vila.

A elección de Melgaço vén dada por unha colaboración de Álvarez con Filmes do Homem porque alí terá lugar os III Encontros Arraianos de Cinema que en cada edición se desenvolve nun lugar distinto. A idea é vertebrar conxuntamente a festivais, universidades e xentes para promover a realización e visualización de traballos sobre a raia sempre coa memoria, a identidade e a fronteira como base.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine