Chus Pato elixe o instituto no que estudou para o seu ingreso na RAG

O acto celebrarase o 23 de setembro no IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense - A viguesa Helena González, nova membro correspondente

31.07.2017 | 13:01

A Real Academia Galega (RAG) está a avanzar paseniño cara unha maior presenza de mulleres. O seu pleno que pode estar composto, como moito, por 30 académicos, ten na actualidade 28, dos que só seis son mulleres (21%): Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Rosario Álvarez, Margarita Ledo, Luz Pozo e Xohana Torres. Dende o 23 de setembro, a poeta Chus Pato será académica de número, unha vez lea o seu discurso de ingreso.

Onte, a RAG emitía un comunicado para ofrecer máis detalles de como será o ingreso de Pato. O lugar elixido é un espazo vencellado á súa mocidade e á súa búsqueda de coñecemento, que tan presente está na súa obra, o Instituto Ramón Otero Pedrayo de Ourense. Alí, foi alumna Chus Pato naqueles anos no que devoraba lecturas entre soños.

Voz rompente en Harvard

Dende a Real Academia Galega, resaltaban onte dela que posúe "unha das poéticas máis vangardistas e persoais da literatura contemporánea desde os anos 80 do século pasado, recoñecida en Galicia e internacionalmente". Como proba, lembran que, dende o ano 2015, a súa voz gravada lendo os versos de Secesión (2009) forman parte dos fondos sonoros da Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard. Son os primeiros en lingua galega nesa base de datos da prestixiosa institutción americana.

Autoras que estudaron a súa obra dan ve, efectivamente, da súa vangarda pero tamén do seu afán por deconstruí-los mitos como unha ferramenta feminista de seu para pór nun novo lugar a muller.

Do seu xeito de amosar versos, teñen resaltado os diferentes tipos textuais que emprega sempre coa radicalidade e experimentación como armas expresivas misturando a voz da poeta con personaxes diferentes entre disertacións filosóficas, ensaio, entrevista ou guion de programa de radio.

A RAG tamén lembrou que "máis adiante, será a quenda de Marina Mayoral, elixida membro de honra no Pleno do pasado 17 de xuño, no que tamén foron nomeados sete novos membros correspondentes: Takekazu Asaka, Marcos Bagno, Olga Castro, Helena González, Kirsty Hooper, Helena Villar Janeiro e Helena Zernova".

"A Academia -engade a mesma RAG nunha nota facilitada onte- nútrese así con novas perspectivas desde distintos eidos do mundo da lingua e da cultura, e avanza tamén na necesaria e enriquecedora incorporación das mulleres á vida da institución".

Sobre Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942), catedrática xubilada da Universidade Complutense de Madrid, resalta a súa destacada obra sobre Rosalía de Castro. De Asaka (Toquio, 1952), profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Tsudajuku, lembra que é autor da primeira gramática galega para xaponeses e tradutor ó xaponés de Rosalía e outros autores das nosas letras, un auténtico embaixador cultural de Galicia no Xapón

En canto a Helena González Fernández (Vigo, 1967), a RAG apunta que é profesora titular de lingua galega e directora do Centre de recerca ADHUC-Teoria, Gènere, Sexualitat da Universidade de Barcelona.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine