A Real Academia Galega (RAG) renderalle a Luz Pozo o día do seu 95 aniversario, mañá, unha homenaxe literaria e musical na sede da propia institución, á que se incorporou como membro correspondente en 1950 e da que é numeraria desde 1996. A RAG agasallará así "unha das voces máis excelsas, orixinais e vibrantes das nosas letras contemporáneas", salienta o presidente Víctor F. Freixanes. O acto, de entrada libre, escoitaranse versos da súa autoría escolmados por dez poetas de distintas xeración.

Xosé María Álvarez Cáccamo, Yolanda Castaño, Olga Novo, Pilar Pallarés, Olga Patiño, Eva Veiga, a académica Marilar Aleixandre e os académicos Xosé Luís Franco Grande, Salvador García-Bodaño e Manuel Rivas recitarán e comentarán poemas de diferentes obras e momentos da traxectoria dunha autora que leva oito décadas creando poesía. A escolma foi recollida para ocasión nun opúsculo, coordinado pola académica correspondente Olivia Rodríguez, presentadora literaria da celebración. Nestas páxinas tamén visitan e analizan a súa poesía Claudio Rodríguez Fer e o académico Xesús Alonso Montero, encargados da presentación e da clausura do acto. A parte musical correrá a cargo da soprano Patricia Rodríguez Rizo e do Quinteto Cimarrón, que interpretarán Tres cancións para Rosalía, adaptación musical de tres poemas da homeaxeada a cargo do compositor Gabriel Bussi.

"É hoxe imposible facer poesía, crítica, música ou deseño gráfico en Galicia sen reflectir algo da potencia poética de Luz Pozo Garza", valora Olivia Rodríguez no libro de homenaxe. "Se por algo se caracteriza a súa poesía, é pola luminosidade carnal e espiritual dunha poeta metade erótica e metade mística. A súa é unha poética simbolista da totalidade, astralmente expresada no título radiante da súa poesía galega reunida: Memoria solar", engade Claudio Rodríguez Fer. "Poeta do amor con maiúsculas, cantora consubstancial do amor, decenas e decenas de poemas, desde bastante nova ata hoxe, son incursións luminosas e reveladoras nese universo, ás veces atravesadas por acento místico, nunca retórico nunha muller que en ningún momento perdeu o sentido relixioso da existencia, nun ser humano para quen é natural a dimensión sagrada de certos aconteceres", valora, pola súa banda, Xesús Alonso Montero.

Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) empezou a publicar os seus primeiros versos sendo aínda adolescente en "Las Riberas del Eo", pero o seu primeiro libro, "Ánfora", saíu do prelo en 1949. Un ano despois da publicación desta obra saudada con entusiasmo por persoeiros da escena literaria galega e mesmo por Gerardo Diego, foi nomeada académica correspondente da RAG. En 1952, con 30 anos, e cando aínda eran moi escasos os libros publicados en galego, sairía á luz "O paxaro na boca", o seu primeiro libro nesta lingua e co que se abría a Colección Xistral, dirixida desde Lugo polo pintor e poeta Ánxel Xohán. Nesta obra Luz Pozo volve cantar ao amor e conforma un poemario cun erotismo feminino inédito na escena galega do momento, na que colleitou de novo excelentes críticas. O amor e a sensualidade son constantes na obra de Luz Pozo, bilingüe ata mediados dos anos 70, cando decidiu instalarse definitivamente no galego.