"Sopa de festa" amosará hoxe na TVG a Festa do Percebe de Corme

A localidade celebrou este sábado a súa cita gastronómica máis importante

18.07.2017 | 01:21

Sopa de Festa volve convidar esta noite os espectadores da Televisión de Galicia (TVG) a ver unha das celebracións gastronómicas galegas con máis sona. Nesta ocasión, o equipo do programa viaxará ata a localidade coruñesa de Corme para exaltar outro dos manxares máis prezados da nosa gastronomía: o percebe.

A Festa do Percebe de Corme, que se celebrou este pasado sábado, está moi pensada polos organizadores, xa que por estas datas e segundo a lúa e as mareas é cando hai máis percebes nas fermosas pedras do Roncudo. Un manxar que, segundo os percebeiros de Corme, é o mellor do mundo.

O equipo de Sopa de Festa acompañou durante toda a xornada os membros da confraría de pescadores para ver como prepararon os más de 1.000 quilos de percebes que foron degustados do xeito máis saboroso que se coñece, acompañados dun bo viño e de cachelos.

Ademais deste rico manxar, os asistentes puideron degustar outros ricos produtos do mar e gozar coa boa música que reinou durante toda a xornada.

"A Revista"

Por outra banda, os reporteiros de A Revista asistirán hoxe a un adestramento do Campus de Natación Sincronizada no Pavillón dos Remedios de Ourense. Organizado polo Club Sincro Ourense e dirixido para nenas de máis de 12 anos, este campus ofrece cursos de técnica, montaxe de rutinas, preparación física básica ou deseño de traxes de baño, entre outras actividades.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine