Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Leal e amigo

Inseparable do galeguismo e das ideas da democracia

Leal e amigo

Na morte de Alfonso Zulueta de Haz agurgulla na nosa memoria o verso inmortal que fala dos "bos e xenerosos". El foi en vida acreedor dos dous adxectivos que Pondal situou nun punto crítico do discurso central de Galicia que é o Himno. A memoria, imprevisíbel, tráeme agora a Zulueta en compaña de Isidoro Millán, no hall do Teatro Principal de Pontevedra, antes do incendio. Manifestábanse felices trala estrea d'A raposa e as uvas, dirixida esta espléndida comedia por Maximino F. Queizán. De lonxe, vexo Zulueta en labores mil de apoio á causa galega; cultural e politicamente activo. E tamén da causa humanitaria de solidaridade e apoio aos excluídos do banquete, ás vítimas. Pasa Alfonso na miña memoria e trai baixo do brazo todos os libros bíblicos definitivamente en galego. E funda os alicerces dunha casa que é o SEPT. Logo, morto Seixas, nas turbulencias do recordo Zulueta redacta as actas fundacionais de todas as causas nobres de Galicia que se van tratando de constituír legalmente. E está, tamén, nas ilegais. Segundo a miña acordanza, chegado o momento, el, que non ten andado lonxe de Ruiz Giménez, fundou o PGSD (así, socialdemócrata) que se situou, aínda Franco vivo, na defensa dunhas Bases Constitucionais que nada tiñan que ver cos pactos da Transición. Ás institucións foi chamado a participar en cargos de representación máxima, e alí deixou pegada fonda de limpeza e de honradez. Nunca negou un esforzo. A figura pública de Zulueta confería confianza e irradiaba simpatía a chafarices desde os lugares de honra que ocupou. Por parte, en segredo, que é o réxime ao que se acollen as boas persoas, deitou axudas, apoios e, algo moi importante, bos consellos a quen llos demandaba. M.ª Teresa, a súa mellor colaboradora e apoio firme, chora a Alfonso na hora da despedida, e nós acompañámola. Inseparábel do galeguismo e dunha idea de democracia que non entende esta disterada da xustiza social, a figura de Alfonso Zulueta de Haz por raíces e por elección, resúltanos inseparábel da cidade de Vigo e das súas empresas culturais de base. Moi especialmente represéntasenos a persoa de Zulueta unida á Fundación Penzol, na liña que se inicia coa apertura da súa primeira sede en Policarpo Sanz e lonxe de calquera colaboracionismo e apoio do sistema franquista. E sempre preto dos libros, e dos cadros, dentro da circulación ceibe de ideas, na corrente central da libertade e da vindicación social e galega. Séxalle leve a terra ao bon amigo e leal compatriota.

Compartir el artículo

stats