Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un humanista europeo

Unhas liñas non dan para relatar unha vida...

Unhas liñas non dan para relatar unha vida. Nalgunhas faixe aínda máis difícil, por canto as institucións, iniciativas, cargos e recoñecementos polos que pasan non caben no texto. Tampouco é o importante, son circunstanciais, consecuencia do que paga a pena contar. E o que paga a pena é falar de Alfonso Zulueta, un home de espléndida formación intelectual, no mellor da tradición humanista europea, que dende o seu primeiro destino coma notario ata o final dos seus días actúa en consecuencia coas súas conviccións en todos os ámbitos da súa acción social

Penso que nel todo tiña un sentido en equilibrio, en harmonía, algo que coincidía co seu sentido da Xustiza. Se de Xustiza é a dignidade das persoas, individual e colectiva, traballar pola dignidade e transformar a realidade cobra significado. Nas persoas: na protección de menores e discapacitados, no acceso á educación e á cultura, no respecto do que lles é propio por dereito, porque é connatural ao que son. No comunitario: na posta en valor da nosa identidade colectiva, da nosa lingua; no desenvolvemento das nosas institucións, da educación ou da cultura.

A acción de Alfonso Zulueta era sempre compensadora do que considera un exceso ou unha inxustiza. De modo singular cando, antes do regreso da democracia, a súa ausencia era maior. Se o poder establecido negaba á identidade galega coma unha das constitutivas por dereito propio da cultura española e europea el estaba presente. Se se ignoraba o propio sentido cultural e político de Europa, el estaba presente. Se se procuraba un lugar para o cristianismo e para as diferentes relixións sen base no clericalismo ou no anticlericalismo, el estaba alí. Se as persoas adoecían do que lles correspondía, actuaba das máis diversas formas...

Alfonso representa unha parte activa da nosa sociedade civil; esa que define, coa súa fortaleza, o nivel de desenvolvemento dos países. Sería parte do que Paul Preston definía como a terceira España, allea aos extremos. E parte en Galicia, singularmente en Vigo, dun mundo de profesionais e empresarios que crearon riqueza material e inmaterial desde valores que perduran hoxe valores compartidos con Teresa, a súa muller, merecente a partes iguais deste recoñecemento, desta forma de vida.

Se nos últimos tempos, antes do solpor, falabamos de Barack Obama ou do Papa Francisco como figuras transformadoras da sociedade, ou da necesidade de manter os lazos coa xente nova que representa a nova emigración, penso que hoxe falariamos con ilusión de Emmanuel Macron en Francia, da oportunidade de construír unha nova Europa fronte a tantas ameazas, ou de como construír o retorno definitivo dos que se foron coa crise. Temos traballo.

* Editorial Galaxia e Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats