Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Facho de compromiso e xenerosidade

Un home que deu exemplo na construcción dun mundo mellor

Acaba de deixarnos Alfonso Zulueta un vigués universal, referencia de moitos pola súa vida ateigada de bo facer e labor xeneroso a prol de Galicia e das súas xentes. Unha vida das que se dan poucas veces pola súa exemplaridade e compromiso. Eu ben podo testemuñalo porque fun compañeiro e amigo seu durante máis de corenta e cinco anos. Exerceu o seu oficio de notario, os últimos anos en Vigo onde se xubilou, con seriedade e rigor, acollendo con delicadeza e moi bo trato aos que a el acodían. Moitas son as xentes que gardan del un grato recordo pola súa amable e entrañable acollida.

Pero Alfonso non só destacou nesa súa faceta profesional pois os seus méritos sobresaen en moitos outros campos como persoa que sabe á area e poñer mans á obra de construir un mundo mellor. Esta entrega xenerosa nace da súa fe cristiá baseada nunha concepción que ten como alicerce o evaxeo, interpretada á luz das ensinanzas do Vaticano II. A inculturación da Igrexa galega coverteuse para el nunha das metas polas que traballou animado por eses principios. El foi presidente da editorial SEPT desde 1972 a 2016, e no seu mandato a editora promoveu e editou en 1989 a primeira versión da Biblia en galego, en tradución feita por especialistas partindo das linguas orixinais. Unha obra que serviu logo de base para os textos litúrxicos das misas en galego. Estaba moi orgulloso deste traballo que ocupou máis de quince anos nos que tiven a satisfacción de acompañalo.

Nos tempos do franquismo iniciou o seu compromiso de loita pola democracia de maneira destacada no Ateneo de Pontevedra. Así o pon de manisfesto que por alí tiveran pasado pensadores do máis escolleito como José Luis Araguren. Andando o tempo e nos primeiros gromos dos tempos da transición, Alfonso asumíu tamén o labor político como fundador e candidato do Partido Galego Social Demócrata e do Partido Galeguista reconstituído, reafirmándose coma un firme defensor da nosa identidade galega.

Galicia e a súa cultura sempre foron para el o obxecto central do seu quefacer. A pesar de proceder dun entorno familiar non moi proclive a estes temas el tivo a extraordinaria sensibilidade de saber descubrir que a auténtica universalidade toma base na realidade particular dos pobos. Formou parte do proxecto Galaxia como Conselleiro e Vicepresidente. Tamén servíu ao noso país desde a Presidencia do Consello da Cultura Galega, na Fundación Otero Pedrayo, na Fundación Isla Couto, Fundación Torrente Ballester e, dunha maneira moi especial, na Fundación Penzol á que consideraba como a Biblioteca Nacional de Galiciaco custodia da memoria do galeguismo. A el se deben a incorporación de novos e importantes fondos, entre eles os seu propios documentos. Sempre soubo armonizar con moito convencemento e xeito o local co universal, de aí que tamén fose Presidente do Consello Social da Universidade de Vigo e formase parte do Instituto de Estudos Vigueses. A súa agudeza leváballe a abordar temas de especial trascendencia como a relación entre a cultura e a ética, no fermoso discurso de ingreso no IEV, do que tantas ensinanzas se poden extraer para ben da nosa convivencia. A súa biblioteca de facsimilares e a súa colección de arte, tanto de obxectos como de cadros, que quería doar ó pobo de Vigo como unha mosta máis do seu viguismo, poñen ao descuberto un gusto moi especial xunto co da súa esposa Teresa.

Pero si por algo debemos gabar a Alfonso Zulueta por encima de todo o demais, que é moito, é pola súa entrega aos necesitados e marxinados do noso mundo na persoa dos discapacitados psíquicos. Acompañou á súa esposa María Teresa Fernández Cabaleiro na creación no ano 1968 da Asociación Juan XXIII de Pontevedra para acoller a todas estas persoas diferentes naqueles anos anos de carencias e de necesidades incluso de alimentación. Pero non parou aí, porque no ano 2000 a parella Alfonso-Teresa crea a Fundación Tutelar Sálvora para velar polos discapacitados que de maiores xa non contan cos seus pais para atendelos. Só estas dúas obras son dignas de admiración pola entrega persoal aos demais.

Por iso hoxe non debemos deixar que a tristura anegue os nosos corazóns porque Alfonso era un home bo, xeneroso e comprometido, que pasa a formar parte daqueles que nos precederon para darnos exemplo de vida na construción dun mundo mellor e máis igualitario.

*Director da Fundación Penzol

Compartir el artículo

stats