No acto de entrega actuará o grupo "Luar na lubre"

Ponte...nas ondas!, premiada polo seu labor educativo cultural

A Fundación Peña Novo galardoa a promoción da lingua galega e o traballo a prol do patrimonio inmaterial galego-portugués

08.06.2017 | 02:03
Integrantes da Rede de Patrimonio Cultural de Galicia.

A asociación Ponte...nas ondas! recibirá o premio Peña Novo pola labor desenvolvido ao longo de dúas décadas a prol do patrimonio inmaterial galego-portugués. Será o vindeiro 29 de xuño. O xurado valorou a contribución de Ponte...nas ondas! na dinamización e transmisión do patrimonio no ámbito educativo e cultural a través da radio, internet, as novas tecnoloxías e as redes sociais.

Destaca tamén o achegamento a diversos sectores sociais a partir das comunidades de portadores que transmitiron os seus coñecementos nas aulas e nas actividades de dinamización realizadas por todo o territorio da Eurorrexión.

Tamén se recoñece no galardón o traballo realizado por antropólogos, filólogos e investigadores de Galicia e do Norte de Portugal arredor de Ponte...nas ondas! para que a asociación fose recoñecida pola UNESCO como ONG consultora para o patrimonio inmaterial.

A transmisión da lingua, e do seu patrimonio, ás novas xeracións é o labor que o xurado valora especialmente pola súa importancia no momento actual de perda de uso nas idades máis novas.

No acto de entrega dos premios actuará o grupo "Luar na lubre" e contará coa asistencia do conselleiro de Educación e Cultura, o secretario xeral de Política Lingüística e un representante da Deputación de Pontevedra.

Ponte...nas ondas! está impulsando xunto con máis de medio centenar de entidades a Rede de Patrimonio Cultural de Galicia. Unha rede que nace coa vontade de colaborar na defensa do noso patrimonio cultural e na posta en valor das súas expresións e manifestacións.

Constitución dunha rede

A súa constitución tivo lugar o pasado sábado 3 de xuño no Museo do Pobo Galego onde 33 asociacións presentes ratificaron o acordo fundacional da rede. A Rede servirá coma un instrumento de axuda e unha ferramenta de difusión das actividades de todas as asociacións e entidades que participan dela e tamén para promover accións e campañas en defensa do noso patrimonio cultural en ámbitos institucionais, sociais e territoriais.

A Rede tamén apoiará campañas que non só se subscriban á Galicia territorial, senón tamén campañas que abrangan outros espazos, coma o norte de Portugal ou as zonas fronteirizas de Asturias e de Castela e León. Neste senso, dará apoio a iniciativas como a de Ponte...nas Ondas! relacionadas co patrimonio común galego-portugués.

Ponte...nas ondas! realizou a XIII edición da súa xornada de radio interescolar baixo o lema Na Rede do patrimonio en 2007.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine