26 de mayo de 2017
26.05.2017

Gogue: "Paréceme absurdo que en pleno século XXI se denuncien humoristas"

"Moitas veces, eu penso que son Floreano e Floreano pensa que é Gogue", explica o ilustrador ante o seu novo libro de tiras cómicas

26.05.2017 | 04:55
Gogue, en O Grove. // Muñiz

Floreano e Gogue xa pasaron as súas vodas de prata. Concretamente, este ano cumpren 27 anos xuntos, compartindo espazo na tira diaria no FARO DE VIGO. Como agasallo, Xerais publica un libro con máis de 400 tiras -que viron a luz no diario decano- e en cuxa portada aparece o protagonista da boina baixo o cartel "Alquílanse borrachos pas festas".

- Por que elixiu esa imaxe?

-Foi unha tira que publiquei no FARO hai moitos anos. Tivera moito éxito e a min sempre me gustou esa frase. Por que non se van alugar bébedos para as festas, entendendo como borracho alguén que o pasa ben?

-No prólogo, Alberto Avendaño destaca que vostede convertiuse "nun dos mellores cronistas gráficos da campaña presidencial de Estados Unidos no 2016".

-Si, fixo unha obra de arte de prólogo, que mellor persoa ca el para facelo como vigués e como galego. Eu colaboro na edición do Washington Post en castelán onde el é director. Dende alí (Washington), sempre falamos de facer cousas.

-Vostede séntese completamente realizado ou inda lle falta algo por cumprir'

-Inda hai algún proxecto máis pendente. Está bastante avanzado pero non podo dicir nada porque é un proxecto. Pero, si, é o que me falta, levalo ó cinema.

-Quen é realmente Floreano?

-(Segundos de silencio pensativo) Para min... é difícil explicalo. Cando estou só, interactúo con el. Ten unha personalidade propia e chega un momento no que cada un asume a personalidade do outro. Moitas veces, creo que eu son Floreano e Floreano pensa que é Gogue, de tanta simbiose que temos.

- Por que lle presta tanta atención ós temas relixiosos?

-Eu trato a Igrexa cun toque de humor, inda que non o ten. O cura de Floreano é un señor campechano que xoga a partida, que bebe tinto, que lle gustan as mulleres. Vai á perfección coa vida de Floreano e as súas aventuras. Pero sempre intento tratar os temas relacionados coa Igrexa dende o respecto.

- Ó longo destes 27 anos, algunha vez, alguén lle chamou a atención por sentirse ofendido pola viñeta?

-Sempre hai algo e iso que eu trato as cousas con moita delicadeza. Inda así, hai xente que se sente aludida. Por exemplo, téñense queixado de violencia de xénero, xa me dirás. Floreano e Monchiña están tódolos días de carallada. Son unha parella como tantas outras das aldeas. Non é a miña intención provocar ese sentir na xente. Tamén hai xente que ás veces se queixa dalgunha tira relacionada coa relixión. Trato as cousas con humor e sarcasmo, ironía, pero sen faltar.

- César Strawberry (Def con Dos) foi condenado por un tuit; El Gran Wyoming vén de comparecer ante o xuíz por un gag sobre El Valle de los Caídos. Outro proceso foi contra o creador do cartel do entroido na Coruña - finalmente absolto - por supostamente amosar o Papa cunha copiña de viño. Non lle causa temor este panorama?

-Paréceme absurdo que en pleno século XXI andemos con esas cousas, denunciar a humoristas ou artistas. Isto é incrible. Hai cousas máis importantes nas que fixarse. Claro que non todo o mundo vai pensar igual.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine