Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Día das Letras Galegas 2017

O refuxio do intelectual

O escritor limián atopou en Nigrán un lugar para a intimidade, pero tamén para a vida social e alí trabou amizades que hoxe lembran a súa dimensión de veciño miñorán

A casa familiar en Vilariño | Sempre aberta a persoeiros e veciños, a vivenda dos Casares-Berg acolleu ata un refuxiado bosnio cando estalou a guerra dos Balcáns.

Foi un dos máis ilustres veciños de Nigrán e da comarca do Val Miñor sen pretendelo. Carlos Casares elixiu a localidade no ano 1983 para ver medrar os seus fillos e atopar a calma que lle roubaban as constantes viaxes como editor e tradutor. Alí finou no 9 de marzo de 2002 e está soterrado no cemiterio do Ceán. Alí escribiu as súas tres últimas novelas e boa parte dos seus artigos xornalísticos, e alí tamén trabou moi variadas amizades con grandes persoeiros coma él e con paisanos de a pé. Algunhas delas lembran a súa pegada humana e conversadora para FARO no Día das Letras. Entre eles, o seu fillo Hakan, quen define o territorio miñorán coma "un refuxio moi agradable" para o seu pai, ao que trouxo moitos persoeiros españois e estranxeiros para amosarllo.

Os Faladoiros. Se por algo O Val Miñor lembra a Carlos Casares é pola súa participación nas mesas redondas, case fortuítas, que cada tarde ou noite de verán se organizaban en locais de hostelería. A do Monterrey era unha das máis sonadas, coa presenza de Gonzalo Torrente Ballester, Gustavo Garrido, Manuel Prego de Oliver, Miguel Viqueira ou o xornalista deste diario Víctor Iglesias Viqueira, que as recorda con nostalxia. "Falabamos da actualidade con retranca, descridos da política e sen ánimo ningún de fachendear de intelectualidade. Casares era especialista niso. Eu admirábao pola súa obra, sobre todo por 'Vento ferido' e 'Os mortos daquel verán', pero no diálogo era un tipo normal", apunta. Na terraza do restaurante Eladio de Panxón, o escritor tamén gostaba de debater cos que alí se xuntaban ao solpor. "Moitas veces pechabamos e alí quedaban Casares e os seus compañeiros ata altas horas coas súas conversas", rememora José Manuel Alonso, o anterior propietario.

Un fogar aberto. Os Casares-Berg residían xunto ao convento dos Pais Franciscanos en Vilariño, nunha vivenda pola que pasaron desde José Luis López Aranguren ou Víctor García de la Concha ata Juan Cruz. Unha casa sempre aberta aos veciños coma Sergio Fernández, íntimo amigo de Hakan "e de toda a familia", como el mesmo di, porque o acolleu días enteiros ao longo da súa infancia e mocidade. Lembra ao escritor "coma un segundo pai, cos seus xogos creativos e didácticos que compartía con el e cos seus fillos". Foi el, coa súa afición polo maquetismo, o que lle infundiu a paixón pola aviación e quen lle mercou os seus primeiros patíns. "Eu quería uns e os meus pais non mos podían mercar. Un día chegou cuns e non o esquecerei nunca. Estaba moi pendente de todo, aínda que ás veces non o parecese, e era moi xeneroso", destaca. Tanto, que acolleu un refuxiado bosnio cando comezou a guerra dos Balcáns, segundo apunta Hakan Casares, quen lembra asemade as relacións de amizade que iniciaron os seus pais con xente da zona "coma Adelina, que nos axudaba nas tarefas da casa, ou Antonio, o carpinteiro de San Pedro, ou mesmo Agapito Martínez, o madeireiro". Un daqueles profesionais que disfrutou das súas conversas foi Manuel Quintas Vergara, o Ferreiro de Sabarís. Califícao coma "un home excepcional". Por iso lle prepara un monumento para colocalo na praza da Ramallosa que leva o seu nome en canto o Concello de Nigrán llo permita.

A cultura local. Fundado no ano 1999, o Instituto de Estudos Miñoráns contou coa colaboración de Casares nos tres anos que lle quedaban de vida. "Publicamos unhas coplas do enterro da sardiña que compuxo e estabamos organizando un congreso adicado ao conde de Gondomar no que el tamén axudaba cando finou", subliña un dos vocais da entidade, Xilberte Manso.

As paisaxes. Cando o traballo e a vida social llo permitía, o autor disfrutaba da contorna. Como relata Hakan, "collía a súa Harley e marchaba ao Alto da Groba, a Monteferro e mesmo ao porto de Panxón, onde chegou a ter un barquiño. Unha vez afundiuse e os mariñeiros dalí axudáronlle a rescatalo.Chegou á casa marabillado daqueles homes". Aquela paisaxe que o acolleu en vida tamén o lembra en rúas e prazas, coma o paseo marítimo de Panxón, o sendeiro xunto ao parque da Coelleira en Gondomar, o espazo público enriba do aparcamento na Ramallosa ou o colexio de Vilariño.

Compartir el artículo

stats