O Festival de Cans -que celebrará do 24 ó27 de maio a súa edición número catorce- xa empeza a desvela-la súa programación que trae novidades nesta edición. No eido musical, a organización revelaba onte que actuarán León Benavente o día 26 de maio (venres), a partir das oito da tarde; mentres que Eladio y Los Seres Queridos o farán o 27, sábado.

Ámbalas dúas actuacións están patrocinadas por Mahou e celebraranse na Leira de Alicia. Para acudir ó concerto de Benavente haberá que contar cunha pulseira que facilitará a organización de xeito gratuito. Esta poderase conseguir dende as cinco da tarde do día do doncerto no posto de merchandising do festival. Tras León, o DJ Edu Romero pinchará no Discochimpín.

Pola súa parte, Eladio y Los Seres Queridos poñerán a súa música dende as 20.30 horas. O seu disco Cantares foi recoñecido como o mellor disco en galego do ano polos premios da Música Independente deste ano.Ademais, o Jalpón de Alicia acollerá unha escolma de clips que farán un repaso da tractoria do grupo.

Como novidade no eido gastronómico, Rafa Centeno e Inés Abril -chefs do Maruja Limón vigués, con Estrela Michelín- participarán no Festival de Cans co patrocinio de Mahou o xoves 25 de maio. Será na Praza do Concello do Porriño onde poñerán a disposición dos asistentes unha selección de "Tapas de Cinema". Será esta unha das actividades da Noite Gía dos videoclips cuxas outras actividades se darán a coñecer en breve.