Sabe o que son as torturas, a loita na clandestinidade e unha vida adicada á "causa" da galeguización. Xosé González,"Pepiño" impulsou que case o 100% dos concellos empreguen o galego nas súas tarefas administrativas, que cada vez máis empresas e marcas etiqueten en galego e que as forzas de seguridade tamén abrisen as portas ó idioma de Rosalía. Son 38 anos de traballo a prol da lingua. Neste 2017, este vigués -que adora a intuición e que ten como referente en moitos conceptos a Mao Tse-tung- xubílase do seu posto de funcionario no Concello de Redondela. Hoxe, no Castelo de Soutomaior recibe unha homenaxe pero advirte de que a loita prosegue.

-A miña primeira conversa con vostede versou sobre prensa clandestina na Galicia da ditadura.

-Aquilo era unha epopea; había que ter moita imaxinación, unha gran dose de audacia e de atrevemento. Algúns tiñámola porque criamos na causa. Eu, nese periodo, fixen de todo, cousas que non podes nin imaxinar.

-Eran os anos 60 cando vostede empezou na loita antifranquista na UPG (Unión do Povo Galego) que o levaría á prisión.

-Ti sabías que tarde ou cedo podías caer e que, se te collían, ías ser torturado e ías ir ó cárcere. A primeira vez que me arrestaron foi no ano 1975. Pasei ó cárcere cando estaba en Príncipe (actual museo MARCO). Para liberarme, meu pai pagou 50.000 pesetas.

- Como fixo fronte á tortura?

-Inda teño unha marca no hombreiro esquerdo. Os policías, entón, eran moi febles psicoloxicamente falando. A eles, o que lles molestaba era atopar alguén con resistencia psíquica. Cando me chamaban 'fanático', gustábame; a súa debilidade era a miña resistencia.

O presidente do Foro Peinador e impulsar o colectivo Galeguizar Galicia con distintas asociacións, non obstante, prefere lembrar outros episodios que comezaron co seu traballo como funcionario despois de desvencellarse da UPG por desaveniencias ideolóxicas.

"No ano 1976, tiña 26 anos e tiña que reface-la miña vida. Meu pai, que era ebanista de Teis (Vigo) non daba creto que o seu fillo fose funcionario. Eu estaba destinado en Intervención pero, un día, dixéronme se lles podía botar unha man no eido cultural. Eu, encantado. Aí empezou a miña redimensión. Empecei cos coñecementos, a disciplina e capacidade para improvisar que adquirira na etapa anterior da clandestinidade. Creo -opina- que conseguín que Redondela fora un referente en Galicia e fóra. Pero tamén tiven que sortear moitas dificultades".

- Foi histórica a campaña de promoción do galego, unha das primeiras da democracia, que lanzou con grandes persoeiros.

-Naquela época, o galego estaba infravalorado, a xente non tiña conciencia de país, todo o mundo aspiraba a falar castelán. Eu pensaba que había que superar ese conflito lingüístico e deseñei a campaña "Sinte Galicia, fala galego" na que aparecían defendendo a lingua personaxes recoñecidos, nada de escritores, como o baloncestista Romay, o actor Fernando Rey...

- Vostede sempre foi crítico co galeguismo do Bloque.

-O galeguismo nunca tendeu pontes co resto da sociedade, foi un galeguismo literario. O nacionalismo do Bloque estivo vencellado á defensa da literatura e do sensino porque a meirande parte dos dirixentes do BNG eran profesores ou escritores que martirizaron a moitos nenos obrigándoos a ler na clase libros de amigos seus que eran intragables. Un país faise con empresarios, policías, médicos, poetas... pero cada vez a influencia dun escritor é menor. Crían que Galicia se galeguizaría a través da literatura. Iso sempre me pareceu un disparate. Agora, estamos nun proceso de infantilización da literatura galega. Unha literatura galega non se mantén se non hai unha dimensión maior: publicación de ensaios, de libros de economía, de ciencia... Só o 2% da literatura en Galicia paga a pena.

- E que opina do Día das Letras Galegas, da súa utilidade?'

- O Día das Letras Galegas é insuficiente para galeguiza-lo país. Non é o San Jordi de Cataluña.