"A miña primeira universidade literaria non foi a de Madrid, onde estudei, senón que foi a miña aldea, en Ventosela, onde oía cantar cántigas como a de Baixando do faro vin unha nena, viña do monte de calcetare, como era bonita pedínlle un bico pero ela non che mo quiso dare. Esta é a primera cántiga da que teño conciencia". O presidente da Real Academia Galega (RAG) Xesús Alonso Montero presentou na Casa do Libro de Vigo o seu "autorretrato poético" a modo de antoloxía dos versos escritos na súa traxectoria vital.

Alonso Montero compartiu cos vigueses 'Versos dun fistor republicano, marxista, ateo e un pouco epicúreo' acompañado do director de Edicións Xerais Manuel Bragado, e de dous persoas ás que vai adicado este poemario: o seu compañeiro de batallas Carlos Núñez e Luís "Ferreiro", que interpretou unhas coplas republicanas no acto. Montero tamén adica o libro a Pepe Abades e ao falecido Andrés Páramo.

"Eu non sei se algunha vez fun asistido polas musas", confesa o autor. Pois nesta antoloxía preséntanse interpretacións de poemas de Rosalía, Curros Enríquez, Blanco Torres... así como versos soltos que o autor publicou con algún dos seus trinta e pico pseudónimos ao longo dos anos. "Son profesor de literatura e creo poemas a partir de textos concretos sempre cunha determinada intención, amolar ao capitalismo", engade.

"Estamos ante un libro absolutamente singular na bibliografía do autor, que leva publicados máis de cincuenta libros en galego. Esta antoloxía recolle parte da súa producción lírica dos últimos cincuenta anos. Nel adscríbese á tradición dos fistores, que son eses poetas das silveiras, como a el lle gusta decir", explica o seu editor, Manuel Bragado.

O último libro de Alonso Montero ven definido xa no seu título, como un exercicio de descrición do propio autor que se chama a sí mesmo fistor ao considerarse un poeta de tradición popular. "É un libro de versos republicanos, polo tanto son antifascistas. Versos marxistas e anticapitalistas. Versos dun poeta ateo, polo tanto, trátase de versos laicos e antidogmáticos; e o de epicúreo refírese aos poemas que exaltan a amizade, a festa... a ledicia como forma de entender a vida. Tamén ten o seu carácter político xa que moitos dos versos son antimonárquicos e antiborbónicos. É un autorretrato desde unha perspectiva ética e estética de Xesús Alonso Montero. Un autorretrato poético da súa ollada", describe Bragado.