Producións Teatráis Excéntricas estrea este venres no Teatro Principal de Santiago A cabeza do dragón, primeira versión en galego dunha peza de Ramón María del Valle-Inclán. Tras a liberación dos dereitos da obra do autor arousán, a compañía compostelá escolleu esta farsa esperpéntica para poñer en escena a Valle nun espectáculo de oito actrices e actores, con Quico Cadaval na dirección, tradución, dramaturxia e tamén na interpretación.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) colabora nesta estrea a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto no que se inclúen as tres primeiras funcións de A cabeza do dragón no Principal, onde permanecerá os días 3, 4, 5, 9, 10 e 11 de marzo. Así o destacou onte Jacobo Sutil, director da Agadic, quen participou na presentación da estrea xunto á Martiño Noriega, alcalde de Santiago; Quico Cadaval, director da montaxe, e todo o seu equipo artístico.

Iván Marcos, Yelena Molina, Víctor Mosqueira, Patrica Vázquez, María Costas, Josito Porto, Marcos Orsi e o propio Quico Cadaval interpretan a historia da viaxe ao corazón do dragón que se narra en todas as culturas do mundo. Trátase dunha fábula que Valle-Inclán manipulou brillantemente con elementos actuais, crítica social, brincadeiras políticas ou anacronismos argumentais para levala cara ao esperpento.