Chámasen "Ataque Escampe" pero poderían tamén responder ao nome de "Se chove que chova", pola súa actitude. Os afeizoados á banda están de boas novas. O grupo compostelán presenta o seu sexto disco (que anunciou oficialme o día de San Valentín) mañá pola noite (aniversario de Rosalía de Castro) na sala Capitol de Santiago acompañado por Emilio José, que tamén estrea traballo. A obra dos composteláns titúlase "Primeiros bicos" e tamén estará dende hoxe dispoñible en vinilo-cd, ou así o aseguran dende Discos da Máquina, a entidade que edita o disco e que tamén publica os discos de Caxade, por exemplo.

Dende a banda, que reinventa formación tres anos despois de publicar o seu "Disco vermello", desta volta reivindican esta obra coma o traballo "máis intenso e máis bailable" dos que compuxeron ata o de agora. "Desta volta tocamos intenso como brillan no ceo os diamantes. Fixemos un disco moi de bailar porque se non é agora, cando", argumentan dende a banda segundo recolle a folla promocional. "Un día", engaden, "deixámonos ir e á mañá seguinte acordamos coa cabeza chea de merengue, de disco, de surf rock, de blues do deserto, de R&B neorleaniano, de krautrock, de rumba congolesa e de rumba xitana. Pasámolo todo por un sintetizador a pilas e a resaca de todo chamámola Primeiros bicos".

"Eu son da xeneración da eterna adolescencia", proclaman dende un dos temas que conforman o disco, "E eu que chorei con Ghost". "Somos igual de cursis e choramos coas mesmas historias que cando tiñamos dezaseis anos, ou once, ou tres. Temos un pasado. Temos un espléndido corazón por debaixo do pixama. E un día vencerá", aseguran nesa liña nun comunicado, no que avanzan os títulos que compoñen a obra: Santos dos últimos días, Un raio de sol negro, A filharmónica, Alan Lomax, E eu que chorei con Ghost1. Barrio Sésamo, Vida eterna, Corazón, Papá borracho e Mondariz-Balneario.

Os artistas na súa páxina facebook describen a súa traxectoria dun xeito moi ilustrativo: "Arrástranse desde 2001 polos escenarios, electrificándose de a pouco conforme pasan os anos, mudando de formación e deixando constancia do seu paso pola Terra en formato disco". Respecto ao seu estilo, sinalan: "Do pop á americana con paradas no krautrock, na cumbia, no tango, no rap, no calipso e onde vostedes queiran se non lles preocupan demasiado a pureza e esas cousas". Eses méritos foron tidos en conta ata o punto de que en 2014 gañaron nos IV Premios Martín Códax da Música na categotía de indie/pop. Ese ano publicaran "O disco vermello".

"Primeiros bicos" está coproducido por Julio Vilariño Cabezas e Ataque Escampe e gravouse no estudio As Gonzalinhas de Bermés, Lalín. A gravación, as mesturas e a masterización, informa a casa, estiveron a cargo de Carlos e Alberto Quintá, e o deseño gráfico, que permite rascar a portada para descubrir algunha das catro imaxes agochadas, é obra de David Silva. As entradas para o concerto de mañá pola noite están á venda en A Reixa Tenda, en Santiago.