María Xosé Silvar é unha explosión de enerxía, capaz de establecer unha corrente de transmisión de notas, letras e pensamento co público dende o minuto un de cada concerto. E así foi na presentación do seu cuarto traballo, 'Opoñerse á extinción', na noite de onte no Auditorio Mar de Vigo, con picos de emoción tan elevados coma o forte vento que pegaba fóra, temporal sen tregua nos últimos días que deixou na comunidade un dos escenarios máis desapracibles dos últimos tempos. Típicos do inverno galego, ademais, para ser xustos.

Armada coas súas guitarras, puntualmente tamén con pandeireta, e noutras cancións a capela acompañada por Tito Calviño, Ses foi debullando as pezas do seu novo disco, no que reivindica a supervivencia da identidade cultural, da lingua propia, e dunha actitude vital optimista, positiva, comprometida, alegre e solidaria. De reivindicarse un mesmo e pensar tamén nos demais. É como ela se presenta neste cuarto disco, que está a mostrar nos auditorios de Galicia e en breve levará a Madrid, Valencia ou País Vasco.

Cantou os novos temas, como 'Torre de Almansí', 'A Sodomita', na que describe un amor pasional vivido, 'A paz esquiva', un dos principais deste traballo, 'Con tambores de mar', dedicado á filla de Lucía Souto, unha das súas tres coristas, 'Co sorriso ante a Malicia', 'Romance da Bela Rosa' ou 'Semente de vencer'. Sorprendeu cun tema, quizais por distinto no seu repertorio: unha versión de 'Galicia Terra Meiga' de Ana Kiro, cunha posta en escena estilo orquestra.

Moito rock e blues, xéneros que converteu en dúas constantes nos seus discos, cos que se identifica; temas máis vinculados á música de raíz, con atmosfera de cantareiras, unha parte de cantautora máis intimista a soas coa guitarra, e ritmos de Cuba, México ou Colombia. Ses fixo escaparate dos novos pero tamén un percorrido polos que ata agora lle brindaron máis repercusión, coma 'Tempestades de sal', 'Milonga de aquí' ou 'Non son fada'. En dúas horas e media de concerto.

Con lentes de sol intermitentes, de 'quita e pon' en función do carácter da canción, o show de Ses nun Auditorio Mar de Vigo casi cheo estivo salpicado polo xogo de luces, unha potente percusión e, sobre todo, polo ritmo que ela mesma vai marcando coas cancións elixidas en cada momento e tamén polos xenerosos comentarios que introduce entre unha e outra. Así logra esa interesante conexión co público, que se levantou do asento en varias ocasións para bailar e aplaudir. "Habendo butacas libres aquí máis preto de min, os que estades máis lonxe podedes baixar e ocupalos", propuxo nun momento aos espectadores das filas máis altas do auditorio. E así foi, moitos deles baixaron e reacomodáronse para continuar.

Con vivencias cargadas de simpatía, lembranzas da familia e amigos, alusións a cantautores e escritores (nesa súa faceta máis de letrista, que a sitúa no panorama da literatura, acorde coa súa formación de filóloga) e un discurso liberador, con moito espazo ao poder da muller, Ses culminou con varios 'bises' sen perder a alta intensidade da súa interpretación musical.