Santiago Auserón será o artista convidado no Festival Cantos na Maré 2017, que se celebrará o próximo día 14 en Pontevedra. Coñecido tamén como Juan Perro, é o último músico en incorporarse á cita internacional da lusofonía. De feito, as súas músicas tecen moitas conexións con melodías africanas e lusófonas.

Nestes momentos Santiago Auserón atópase no medio da promoción do seu último disco, 'El viaje', o seu sétimo álbum como Juan Perro, gravado só con guitarra acústica. Segundo apunta Juan Perro, é unha oportunidade darse cita nesta xira con músicos doutros territorios para compartir parte do camiño.

O músico, natural de Zaragoza, inclúe no seu novo repertorio a herdanza afro-norteamericana (blues, R&B, rock, soul, estándares jazzísticos) cada vez máis integrada coa tradición afrolatina (principalmente cubana) e con ritmos ibéricos.

Cantos na Maré lembrará nesta edición ao recentemente falecido Fran Pérez, Narf, músico que foi tamén referente en tecer redes con outras culturas. No festival actuará, precisamente, o seu irmán musical, o guineano Manecas Costa, que gravara xunto a Narf o disco 'Aló Irmao' en 2009. Manecas Costa participa neste festival dende 2005. Na banda africana o outro protagonista será Paulo Flores, unha das principais referencias da música de Angola e un defensor do Semba (estilo musical).

Dende Brasil, estará en Pontevedra Kátya Teixeira, dunha familia de músicos, compositores e investigadores da cultura popular. De Portugal, en concreto do Alentejo, estará Celina da Piedade, acordeón e voz que recupera o cante alentexano con novas melodías. Guadi Galego será a protagonista galega, que na actualidade camiña cara novos territorios, nunha interpretación e evolución da música galega de raíz. Acaba de presentar 'O mundo está parado'.

Todos eles estarán acompañados por unha banda dirixida por Paulo Borges, coa actuación de Uxía. O festival terá actividades complementarias, como cursos de canto, encontros con escolares e conversas musicais.