Trátase dunha viaxe pola traxectoria vital do mestre gaiteiro Antón Corral, investigador e transmisor da música tradicional galega e profesor de varias xeracións de músicos. Nos anos 70 Corral decidiu dar un xiro á súa vida como axente comercial, oficio que o levaba a viaxar por todo o país, pola música, en concreto, pola investigación das melodías galegas e dos instrumentos tradicionais para poder, así, continuar con esta herdanza e transmitila aos máis novos. Dende entón vive entregado á tradición, co seu taller, no que segue a experimentar, a crear e a dar forma a instrumentos. Superada a barreira dos 80 anos, e sen baixar intensidade, Corral presenta unha obra que resume a súa traxectoria vital e experiencias ata o momento titulada: "Antón Corral, Alborada dun Soño".

Escrito por Fina Fernández, a obra que se presenta mañá en Vigo conta co prólogo de Carlos Núñez e a colaboración doutros alumnos do protagonista da obra, todos eles discípulos das súas ensinanzas e que consideran ao seu mestre "responsable da riqueza musical tradicional" da comunidade. "Por unha parte está o artista, que foi quen (sendo autodidacta) de recoller o testemuño de artesáns anteriores como Basilio Carril, Faustino Santalices ou Paulino Pérez e construír uns instrumentos que supoñen a máxima expresión dun son que marcou tendencia na gaita galega nos últimos 30 anos. E por outra parte está o mestre, portador do don e da xenerosidade de facer escola", describe o artista galego Carlos Núñez no prólogo da obra.