Televisión de Galicia estrenará este xoves (22.30 horas) as novas entregas de "O gato con botas", que contará coa famosa gaiteira Cristina Pato como primeira convidada, tras o descanso estival. O programa de entrevistas volve con novos convidados que acompañarán a Manuel Manquiña para desvelar a parte máis descoñecida das súas vidas.

Coñeceremos como é o día a día de Cristina Pato, o copiloto de rallys, Luis Moya, ou o pintor, Antón Lamazares, cando veñen a Galicia e visitaremos á escritora Fina Casalderrey, ao ilustrador, Miguelanxo Prado, e ao xuíz Taín, algúns dos personaxes que polo momento están confirmados para a segunda tempada do programa.

Nesta tempada apostouse por entrevistar a recoñecidos galegos que viven fóra de Galicia pero que seguen a ter unha forte vinculación con ela como Luis Moya, Antón Lamazares ou Cristina Pato que están a vivir na actualidade en Barcelona, Berlín e Nova York respectivamente.