Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Adeus ao home das historias infinitas · Reaccións

Despedida a un baluarte do galego

O mundo da cultura reacciona á desaparición do autor vilalbés

O universo literario galego despide a un dos seus grandes alicerces. Un adeus ao que se sumaron a comunidade educativa, os políticos, editores, libreiros e de máis representantes da cultura. Todos están dacordo en salientar a bonhomía do escritor e profesor vilalbés Agustín Fernández Paz e o seu compromiso con Galicia e coa lingua galega. Alí estaba el cando se fixeron os primeiros libros de texto en galego, e grazas as súas historias hai novas xeracións de lectores e lectoras. A semana pasada aínda traballaba na edición especial de "Cartas de inverno" que Xerais publicará á volta do verán e coa que chegará aos 100.000 exemplares vendidos. "Moitas das nosas vidas están tecidas cos fíos das súas historias, que a obra dun escritor se incorpore á vida dos seus lectores só lle ocorre aos grandes", destacou Manuel Bragado.

| Mariano Rajoy. O presidente do Goberno, expresou as súas condolencias polo pasamento do escritor e loou a súa "mestría" ao achegar a literatura aos máis novos.

| Alberto Núñez Feijóo. O presidente da Xunta agradeceu o seu traballo a prol da cultura e da educación en Galicia e salientouno como un "dos autores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura infantil e xuvenil no conxunto de España".

| Manuel Bragado. O director de Xerais destacouno como "un educador extraordinario, un narrador internacional, a figura máis importante da literatura infantil e xuvenil en España dos últimos vinte anos". "Morreu un coloso, un atlas para un soño colectivo", dixo desolado. O editor dixo que terá que pasar tempo para que valoremos a importancia da súa figura no ámbito narrativo, educativo e editorial.

| Xosé Luis Méndez Ferrín. "Recórdoo moi animoso, estando xa mal, e inspirando accións tan importantes como ProLingua", dixo onte o escritor. Ferrín destacou a Fernández Paz coma unha "figura máxima das letras infantís e xuvenís" e loou o seu "compromiso co seu tempo dende unha postura nacionalista".

| Marilar Aleixandre. A escritora definiu ao autor como un "clásico" da literatura galega, "ademais dun cómplice e un amigo desde hai moitos anos". "Mesmo nos últimos anos, xa enfermo, escribiu obras magníficas", destaca. Ambos compartiron tamén a paixón pola docencia. "Os seus libros quédannos para sempre e a súa loita por fomentar o amor polo galego", engade.

| Xesús Alonso Montero. O presidente da Real Academia Galega asegurou que era imposible non ser amigo de Agustín Fernández Paz, a quen definiu como un humanista. "A literatura galega e a universal están de loito. Perdemos a un grande escritor. Sen dúbida, foi un gran construtor de novelas", apuntou.

| Marcos Calveiro. O escritor, dende a tristeza, tamén subliñou que "o que tiña de bo escritor, tíñao de boa persoa". "Soubo conectar co público infantil, adolescente e adulto. Non se lle resistía nada", comenta, "e morre sen ser académico da lingua, paréceme que non ten moita lóxica".

| Bieito Ledo. O editor destacou de Fernández Paz a "constancia tremenda" que soubo ter na súa loita por dar o lugar que merece á literatura infantoxuvenil. "Conseguiu unha xenial conexión cos mozos", salienta á vez que lembra "os moitísimos lectores que tiña, todos de loito".

| Xosé Manuel Pereiro. "Se morrer é algo que nos vai pasar a todos, no seu caso é algo que pasou demasiado pronto", afirmou o xornalista. "É moi inxusto que os coches circulen e a xente siga camiñando cando Agustín xa non pode escribir, nin andar, nin ver, nin sentir", dixo.

| Fran Alonso. O escritor cualificou a Fernández Paz de "inmenso". "É un dos artífices de que a literatura infantil galega sexa coñecida en toda España". Apuntou a "gran sensibilidade que tivo para conectar cos lectores e abordar temas sociais, de inmigración, medio ambiente... dunha forma moi atractiva".

| Francisco Castro. "Vai ser moi difícil que volvamos a atopar un escritor tan completo", di o escritor. "Pasará á historia pola súa obra pero teño que destacar que sempre estaba sorrindo e contento, era unha persoa extremadamente cariñosa e moi tenra", engadiu.

| Henrique Alvarellos. "Unía a súa calidade literaria á súa calidade persoal", apuntou o editor de Alvarellos Editora, quen destacou que grazas as súas traduccións "exportou a nosa cultura". "Hoxe estamos tristes pero ninguén morre totalmente cando deixa unha obra coma a súa", dixo.

| Moncho Pena. O coordinador do Faro da Cultura en FARO destaca que é un dos inventores da literatura infantoxuvenil: "Son centos os lectores que poden dar fe: as súas narracións han de perdurar sempre na mellor memoria dos que tiveron, teñen (e terán) a fortuna de lelo".

| Xurxo Patiño. "Marchou un referente, un gran mestre comprometido coa pedagoxía e coa cultura galega. Animou a moitas xeracións a iniciarse na lectura", afirmou o director da Feira do Libro de Vigo.

Manuel Bragado - Director de Edicións Xerais

"Morreu un coloso, un atlas para un soño colectivo"

Xosé Luis Méndez Ferrín - Escritor

"É unha figura máxima das letras infantís e xuvenís"

Marilar Aleixandre - Escritora

"Escribiu obras magníficas a pesar da súa enfermidade"

Xesús Alonso Montero - Presidente da RAG

"Sen dúbida, foi un gran construtor de novelas"

Compartir el artículo

stats