"O económico, por relevancia social, constitúe un sector de vital importancia para a promoción do uso da lingua galega e é por iso polo que desde o Goberno galego instamos a unha aposta conxunta e decidida pola implantación do idioma na economía, como valor económico, como sinal identitario e como patrimonio de todos os galegos e galegas. Por este motivo, debemos concienciar as empresas de que o uso da lingua galega é rendible en termos económicos, xera empatía cos consumidores e favorece a cordialidade e o afianzamento nas relacións comerciais e empresariais".

Con estas mensaxes nun auditorio ateigado de profesionais da lingua abriu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, onte en Carballo o relatorio no que presentou o Plan de dinamización no tecido económico 2015-2020 no marco do 'XII Curso de verán sobre dinamización lingüística. Traballando en lingua', que arrancou onte na localidade bergantiñá promovido pola Universidade da Coruña e polo departamento que el mesmo dirixe. Nel analizaranse durante dous días a situación do idioma no sector socioeconómico, os motivos desa situación e mais os factores condicionantes que a provocan e que poden ser tamén claves para mellorala.

"Trátase do primeiro plan deseñado para desenvolver as directrices establecidas polo Plan xeral de normalización da lingua galega e avanzar así na promoción do uso do idioma propio de Galicia desde o sector económico", recordou García Gómez, ao tempo que destacou que o documento "acordado e completado coas achegas de 135 axentes implicados no sector económico"

O responsable da política lingüística da Administración autonómica explicou polo miúdo o contido do novo plan, que aprobará o Consello da Xunta este mesmo mes, "e que articula un total de 84 medidas que incidirán no incremento do uso do galego e na súa visibilidade desde as 10 áreas que contempla o sector de aquí ao ano 2020"., puntualizou García Gómez.

Un programa específico

O Plan de dinamización lingüística no sector económico 2015-2020 fundaméntase nas directrices establecidas polo Plan xeral de normalización da lingua galega (2004) que, para o sector cuarto (Economía), establece como obxectivos específicos crear conciencia de que o uso do galego pode favorecer as relacións laborais, comerciais e bancarias; estender o uso da lingua galega nas relacións laborais, comerciais e empresariais; e fomentar nos consumidores o hábito de usaren e reclamaren a atención comercial en galego.

O contido deste primeiro plan sectorial para promover o uso do idioma na economía articúlase en 84 medidas coas que incidir na promoción social da lingua desde a economía por medio das 10 áreas.

De entre as accións que prevé a súa posta en marcha, cómpre destacar aquelas centradas na promoción do galego no ámbito da responsabilidade social empresarial (RSE), a formación lingüística de profesionais, a creación dun punto de información en materia de lingua destinado ás empresas, o impulso á etiquetaxe en galego e ás campañas publicitarias de promoción do consumo deste tipo de produtos.