Conta con parte do equipo que lograra o éxito, anos atrás, de Engurras. Falamos de Memorias dun home en pixama, a adaptación a cine da banda deseñada de Paco Roca que conta con ampla participación galega e que onte foi presentada no Festival de Annecy, en Francia, a principal cita mundial para os filmes de animación. Outras dúas obras galegas concorren este ano alí: Psiconautas e Decorado, ámbalas dúas de Alberto Vázquez.

No caso de Memorias dun home en pixama, preséntase a historia dun cuarentón coas súas anécdotas vitais cotidiás. Na produción, figura o galego Ángel de la Cruz e como director o tamén patrio Carlos Fernández. A produtora galaica Ladybug Films traballa neste proxecto coa catalá Dream Team Concept.

A película deuse a coñecer, segundo informa Agadic, Axencia Galega de Industrias Culturais, no MIFA Pitches, programa de 'pitching' do mercado do festival a través do que se dá a coñecer unha escolma dos mellores proxectos orixinais a nivel internacional. Esta é, ademais, a única longa española entre a vintena de títulos de diferentes formatos seleccionados para esta sección, á que optaban máis de 400 proxectos.

Outra longametraxe galega, seleccionada para o Annecy pero non para asección de "pitches" foi Psiconautas, os nenos esquecidos, que compite na sección oficial do festival e se está a exhibir durante toda a semana en diferentes salas da localidade francesa. O coruñés Alberto Vázquez codirixe xunto a Pedro Rivero este título, que xa conta con premios á mellor longametraxe de animación nos festivais de Stuttgart (Alemaña) e Golden Kuker-Sofia (Bulgaria).

Alberto Vázquez foi seleccionado, así mesmo, na sección oficial de Annecy coa curta Decorado, que acaba de estrear na Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes.