Tres películas con participación galega -Memorias dun home en pixama, Psiconautas, os nenos esquecidos e Decorado- foron seleccionadas este ano en diferentes seccións do Festival Internacional de Filmes de Animación de Annecy, que se celebra durante toda a semana nesta localidade francesa. Trátase da principal cita mundial para os profesionais deste sector cinematográfico, que congrega unhas 8.250 persoas chegadas de 83 países.

A longametraxe Memorias dun home en pixama, que están a desenvolver en coprodución a compañía galega Ladybug Films e a catalá Dream Team Concept, presentouse esta mesma mañá como parte dos MIFA Pitches, programa de ´pitching´ do mercado do festival a través do que se dá a coñecer unha escolma dos mellores proxectos orixinais a nivel internacional. Esta é, ademais, a única longa española entre a vintena de títulos de diferentes formatos seleccionados para esta sección, á que optaban máis de 400 proxectos.

Tras a premiada Engurras, Memorias dun home en pixama volverá levar á pantalla grande unha novela gráfica de Paco Roca, quen nesta ocasión codirixe o filme xunto ao galego Carlos Fernández. Ángel de la Cruz e Jordi Mendieta encárganse da produción executiva do proxecto, para o que Ladybug Films conta cunha subvención a través da convocatoria de 2015 de axudas á produción e coprodución audiovisual.

Tamén recibiu axuda en 2012 a través desta mesma convocatoria a produtora compostelá Zircozine para coproducir xunto a Basque Films a longa Psiconautas, os nenos esquecidos, que compite na sección oficial do festival e se está a exhibir durante toda a semana en diferentes salas da localidade francesa. O coruñés Alberto Vázquez codirixe xunto a Pedro Rivero este título, que xa conta con premios á mellor longametraxe de animación nos festivais de Stuttgart (Alemaña) e Golden Kuker-Sofia (Bulgaria).

Alberto Vázquez foi seleccionado, así mesmo, na sección oficial de Annecy coa curta Decorado, que acaba de estrear na Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes. Esta fita está producida por UniKo & Autour de Minuit coa participación de Alt Content e a compañía galega Abano Producións.