Unha galería de arte virtual para mergullarse no universo do escritor e xornalista Diego Giráldez. Así é o primeiro tráiler galego de realidade virtual que promociona o libro "Galería de saldos" (Xerais, 2016) -estará nas librerías o 9 de xuño-. A peza, dirixida por Antón Veiga e realizada por Mon Moares, permite visitar e descubrir as ilustracións que acompañan aos diferentes relatos do libro, realizadas polo deseñador Iago Sánchez Losada. A portada do libro, que tamén aparece, é obra do ilustrador Antonio Seijas.

Este paseo virtual tira proveito da técnica 360º, facilitando a inmersión do espectador. En pantallas, o espectador poderá mover a visión co rato ou utilizando o dedo en soportes táctiles. Pero en teléfonos de última xeración é onde o proxecto toma un novo pulo, permitindo a inmersión total a través do headtracking e os elementos de posicionamiento espacial dos terminais. A combinación con soportes que convertan os teléfonos en cascos de realidade virtual é o último paso na experiencia de visitar esta galería virtual.

O libro é unha "colección" de relatos curtos nos que personaxes moi apegados a actualidade se mesturan con obras de arte orixinais ou reproduccións baratas.