Varios milleiros de persoas manifestáronse onte polas rúas de Compostela, convocados pola plataforma "Queremos Galego", para reivindicar o legado das Irmandades da Fala, en pleno centenario, e do poeta Manuel María para defensar o idioma, así como o dereito a vivir plenamente en lingua galega.

Coincidindo co Día das Letras Galegas, a marcha saíu da Alameda compostelana pouco antes das 12,30 horas inmersa nun ambiente festivo, ao son de tambores, seguindo a melodía das gaitas, e encabezados por unha pancarta na que se podía ler o lema "O idioma é a vida", verso de Manuel María, o homenaxeado este 17 de maio, e onde se escoitaron consignas como "En Galicia, en galego".

Alí puidéronse ver representantes das entidades máis activas en defensa do idioma, voceiros políticos e sindicais como A Mesa, Erguer!, Galiza Nova; Bieito Lobeira, Ana Pontón ou Rubén Cela do BNG; Anxo Louzao e Suso Seixo da CIG, Antón Sánchez de Anova e mesmo o propio rexedor municipal, Martiño Noriega. Tamén estaba prevista a participación doutros representantes de EU.

O voceiro da plataforma organizadora, Marcos Maceira, valorou esta "xornada festiva e reivindicativa" nun contexto no que a lingua está "excluída da maioría de espazos" a pesar de ser "o elemento de identidade que define ao seu pobo", mentres o Goberno da Xunta se caracteriza "por acción ou por omisión por atacar constantemente" este legado, sinalou, con medidas como o decreto do plurilingüismo.

Maceira advertiu que o goberno que salga das próximas eleccións autonómicas deberá impulsar "modificacións legais" que sitúen o galego na mesma condición que o resto e "se comprometan co Plan Xeral da Lingua Galega".

Ao rematar a marcha, na Praza da Quintana, Mercedes Peón participou nun recital colectivo do poema "A Fala" e Xurxo Souto fixo lectura dunha carta de apoio remitida pola viúva de Manuel María, Saleta Goi, na que destacou que o poeta participou en todas as organizacións e protestas en defensa da lingua que podía: "O seu espírito está presente nesta manifestación". "As Irmandades da Fala do século XXI somos nós", destacou Maceira, insistindo no "dereito a vivir en galego" da cidadanía.