A casa na que Manuel María naceu en 1929 en Outeiro de Rei (Lugo) centrou onte o acto de homenaxe organizado pola Real Academia Galega (RAG) con motivo do Día das Letras Galegas, co que o autor chairego converteu esta pequena localidade na "capital literaria" de Galicia.

Foi o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, o encargado de abrir e de pechar o acto no que participaron numerosos académicos, personalidades do mundo da cultura e da política, así como un extenso público para dar fe de que Manuel María está "no corazón e na memoria" dos galegos.

Unha interpretación musical de 'O Carro', un dos poemas do libro Terra Chá, marcou o inicio do acto de homenaxe a un dos poetas galegos recentes "que ten máis relevancia" tanto dende o ámbito escolar, a onde se orientou parte importante da súa produción, coma entre os adultos. Durante a súa intervención, o presidente da RAG erixiu o Día das Letras Galegas no "verdadeiro Día de Galicia", superando en importancia o 25 de xullo. "O noso día grande é o da palabra", resumiu Xesús Alonso Montero, que puxo en valor a defensa do idioma do autor homenaxeado e o "compromiso" que obriga a ter co galego a través dos seus poemas.

Os membros numerarios da Academia Manuel Rivas, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana foron os encargados de analizar diferentes perfís do autor. O acto contou coa presenza da viúva do poeta, Saleta Goi que exerceu de anfitriona.

"Activista da verdade"

O primeiro en tomar a palabra foi Manuel Rivas, que se referiu a Manuel María como un "activista da verdade, mesmo cando a verdade estaba presa" e leu o discurso 'O activismo de sementar, o activismo de sentir' para destacar o seu compromiso coa natureza e coa vida.

Posteriormente, baixo o título 'Resistencia e dereito á renacenza', Margarida Ledo arrancou a súa intervención no Monforte dos anos 70, cando coñeceu persoalmente a Manuel María e Saleta Goy. "O compromiso co idioma definiuno no persoal e no comunal. Agora é cousa nosa non deixar que ese fío se corte", dixo Margarida Ledo. "Escolleu un mundo que se chama Galicia como materia literaria e como actitude ética que o levou a atravesar todos os escenarios e a poñer nos ollos e na capacidade de asombro dos máis pequenos 'Os soños na Gaiola' ou a compartir rexurdir da nova Canción Galega", resumiu.

Para concluír, Darío Xohán Cabana introduciu o auditorio nun percorrido pola obra poética do homenaxeado, a quen se referiu como o seu "irmán maior" e do que destacou o seu prolífica produción, con medio centenar de libros de poemas, 1.800 poemas e 40.000 versos.

"Manuel María foi o maior animal poético da nosa literatura nacional. Dende a súa adolescencia ata a súa morte non deixou de ser poeta nin un só día de vida. Foi ademais outras moitas cousas: home de ben cunha ética persoal e política intransixente e insubornable, traballador obrigado a gañarse a vida, militante incansable, narrador, dramaturgo, escritor nos xornais, conferenciante, editor, axitador cultural. Pero poeta foino mesmo mentres durmía", destacou o escritor. Dartío Xohan Cabana concluíu que "Manuel María foi e segue sendo o poeta máis popular dende Curros Enríquez".

Defensor da cultura oral

Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lembrou que a lingua galega é "un códice vivo escrito por todos" e destacou a importancia de erixilo en "punto de encontro", ao tempo que recordou o traballo do poeta Manuel María en relación á "cultura oral" e o definiu como un "tertuliano" co "don da palabra". Así o remarcou durante a súa intervención na localidade lucense de Outeiro de Rei no acto institucional de homenaxe a Manuel María. Ao acto, que tivo lugar no CEIP Laverde Ruiz, acudiron, entre outros, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices.

O presidente galego centrou o seu discurso no idioma galego como ferramenta para "superar fronteiras xeracionais e ideolóxicas" e destacou a súa capacidade para cohesionar ao territorio. "A lingua sempre une, porque é o resultado do uso continuado que fai dela un pobo", dixo Feijóo, para quen constitúe algo "escrito por todos e que ninguén pode roubar".

Nesta liña, Núñez Feijóo recordou a figura de Manuel María como poeta, dramaturgo, escritor, guionista e "militante de moitas causas", pero, "sobre todo, tertuliano". "Tiña o don da palabra e cultivaba esa cultura oral", engadiu. Recordou a "convicción nacionalista de Manuel María" e a "tendencia conservadora" de Xosé Filgueira Valverde, homenaxeado nas Letras Galegas de 2015. "Os dous son afluentes do grande río que é a cultura galega. Ambos os dous contribuíron a que o noso idioma estea presente no mundo, facendo patente nosa xeito de ser", resumiu Núñez Feijóo, para quen, sen algún dos dous, "Galicia sería máis pequena".