A casa na que Manuel María naceu en 1929 en Outeiro de Rei (Lugo) acolleu este martes un acto de homenaxe organizada pola Real Academia Galega (RAG) con motivo do Día das Letras Galegas, co que o autor chairego converteu esta pequena localidade na "capital literaria do mundo".

Así expresouno o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, que foi o encargado de abrir e de pechar o acto no que participaron numerosos académicos, personalidades do mundo da cultura e da política, así como un extenso público para dar fe de que Manuel María está "no corazón e na memoria" dos galegos.

Unha interpretación musical de 'O Carro', un dos poemas do libro Terra Chá, marcou o inicio do acto de homenaxe un dos poetas galegos recentes "que ten máis relevancia" tanto dende o ámbito escolar, a onde se orientou parte importante da súa produción, coma entre os adultos.

Durante a súa intervención, o presidente da RAG erixiu o Día das Letras Galegas no "verdadeiro Día de Galicia", superando en importancia o 25 de xullo. "O noso día grande é o da palabra", resumiu Xesús Alonso Montero, que puxo en valor a defensa do idioma do autor homenaxeado e o "compromiso" que obriga a ter co galego a través dos seus poemas.

Os membros numerarios da Academia Manuel Rivas, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana foron os encargados, en distintas intervencións ao longo do acto, de analizar diferentes perfís do autor. O acto contou coa presenza da viúva do poeta, Saleta Goy, que exerceu de anfitriona.

"Activista da verdade"

O primeiro en tomar a palabra foi Manuel Rivas, que se referiu a Manuel María como un "activista da verdade, mesmo cando a verdade estaba presa" e leu o discurso 'O activismo de sementar, o activismo de sentir' para destacar o seu compromiso coa natureza e coa vida.

Posteriormente, baixo o título 'Resistencia e dereito á renacenza', Margarida Ledo arrancou a súa intervención no Monforte dos anos 70, cando coñeceu persoalmente a Manuel María e Saleta Goy, cun retrato cheo de recordos persoais sobre un autor que considerou clave do "selo político e colectivo da literatura resistente".

"O compromiso co idioma definiuno no persoal e no comunal. Agora é cousa nosa non deixar que ese fío se corte", dixo Margarida Ledo, que recordou as etapas nas que Manuel María e os seus contertulios "usaban o galego como resistencia". "Escolleu un mundo que se chama Galicia como materia literaria e como actitude ética que o levou a atravesar todos os escenarios e a poñer nos ollos e na capacidade de asombro dos máis pequenos 'Os soños na Gaiola' ou a compartir rexurdir da nova Canción Galega", resumiu.

Para concluír, Darío Xohán Cabana introduciu o auditorio nun percorrido pola obra poética do homenaxeado, a quen se referiu como o seu "irmán maior" e do que destacou o seu prolífica produción, con medio centenar de libros de poemas, 1.800 poemas e 40.000 versos.

"Manuel María foi o maior animal poético da nosa literatura nacional. Dende a súa adolescencia ata a súa morte non deixou de ser poeta nin un só día de vida. Foi ademais outras moitas cousas: home de ben cunha ética persoal e política intransixente e insubornable, traballador obrigado a gañarse a vida, militante incansable, narrador, dramaturgo, escritor nos xornais, conferenciante, editor, axitador cultural. Pero poeta foino mesmo mentres durmía", destacou Darío Xohán Cabana.

O autor homenaxeado este ano, concluíu Cabana, "foi e segue sendo o poeta máis popular dende Curros Enríquez", dado que "interpretou como ninguén o espírito do pobo" e mantivo sempre a súa "bondade persoal".