Os versos de Manuel María chegarán neste mes das Letras Galegas aos fogares da comunidade a través da programación da Televisión de Galicia (TVG), coa emisión de dúas pequenas e creativas pezas audiovisuais realizadas a partir de dous poemas do escritor chairego, homenaxeado este ano pola Real Academia Galega (RAG) co gallo do 17 de maio, Día das Letras Galegas.

A iniciativa, promovida pola Consellería de Cultura e Educación e pola canle autonómica, foi presentada onte polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o xefe de Produción Allea da TVG, Montse Besada, xa que a directora da televisión galega, Rosa Vilas, non puido acudir. Na súa intervención, Lorenzo reivindicou a colaboración entre institucións, que logrou alcanzar unha celebración central en Galicia en torno ás Letras Galegas"como festa cultural de primeira magnitude". Ademais dos traballos e programas que tratan cada autor en profundidade, a Xunta considera de interese achegar a Manuel María aos galegos a través destas pequenas pezas.

Os dous poemas elixidos son "A Pita Choca", do libro "Vos soños na gaiola" e unha das obras "máis lidas" nos colexios, e Biografía dunha folla, do libro "Oráculo para cavaliños do demo", dirixido ao público xeral adulto. Ambos os dous son dous poemas significativos da produción literaria do escritor e, ao tempo, suxestivos para o traballo de imaxe, realizado por Algarabía Animación.

As dúas pezas están accesibles na web de Cultura, a través de https://www.cultura.gal/gl/destaque-dinamizacion/23068 e na segunda, segundo os seus autores, presentes na presentación, os enclaves que aparecen están ligados ao autor. Así mesmo, as voces dos poemas son de alumnos e profesores do CEIP Laverde Ruíz, de Outeiro de Rei, aínda que se incorporaron voces doutro centro de Malpica para alcanzar variación no acento tonal.

A difusión destas pezas audiovisuais estará integrada no conxunto da programación coa que a TVG, segundo explicou Besada, pretende realzar a figura do autor dende esta fin de semana e no mes de maio. Entre outras iniciativas, en horario de máxima audiencia no arranque da semana das Letras Galegas emitirase un especial de Son de Seu e, o martes, estrearase a longametraxe "A Esmorga".