A cita tamén indagará na viaxe a Galicia de Borges coa autora María Esther Vázquez

10.04.2016 | 02:13
María Esther Vázquez. // Ecosdiario

María Esther Vázquez (Bos Aires, 1937) é unha eminencia na Arxentina. Das súas obras, quizais, as que lle axudaron a traspasar máis fronteiras foron as biografías -polémicas- sobre Jorge Luis Borges, de quen foi amiga e a quen acompañou na súa única viaxe a Galicia.

Dende Bos Aires e a través do fío do teléfono, o seu falar pousado e con rigor, adéntranos nunha época que estableceu un vencello entre a terra galega e o que foi un dos mellores escritores da historia, aquel que asinou relatos como El inmortal ou El Aleph e que creou personaxes como a enigmática e xusticieira Emma Zunz.

María Esther Vázquez, que falará na Feira de Bos Aires sobre esta viaxe, ademais doutros temas, engadiu que a Borges impresionou-lle o ambiente de Compostela.

"Eu estaba estudando na universidade -explica en castelán esta descendente de galegos- e aceptáronme traballando na Biblioteca Nacional que dirixía Borges. A el, convidárano a un congreso pola liberdade da cultura na República Federal Alemana. El estaba practicamente cego e eu viña de publicar un libro e era moi amiga súa El necesitaba alguén que o acompañara. Mesmo necesitaba que alguén lle cortara a carne cando comía. Así que me pediu que o acompañara nesa viaxe a Europa. Eu aceptei. Tiña pouco máis de vinte anos".

"A viaxe -relata- empezou por Alemania, seguiu por Francia e Reino Unido. Despois, aceptou ir a un congreso a Madrid. A min, pareceume un pecado de Deus ir a Madrid e non ir a Santiago de Compostela. Declinamos un convite a Alcalá de Henares e marchamos para Galicia. Foi máis ou menos unha semana que pasamos alí. En Santiago, enterouse da nosa visita o alcalde e declarouno hóspedes de honra".

Desa visita, un persoeiro xurdiu como imborrable: Ramón Piñeiro. "Convidounos a comer na súa casa mentres o alcalde de Santiago nos convidou a percorrer as Rías Baixas. Borges era moi intuitivo coa xente. O que podo lembrar é a intuición que lle deu Ramón Piñeiro, que contou que estivera preso no franquismo por traduci-los clásicos gregos ó galego. Borges preguntoulle que fixera ó saír do cárcere e respondeulle: volver a escribir en galego. Borges admiraba moito a valentía. Quedou marabillado".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine