"Cando estaba a piques de botarme a perder, gañeite" e "O mundo cheo de laranxas e eu por aquí a buscar o meu medio grelo, que beba da terra, o alente un orballo e me queira en galego" foron as dúas mensaxes que recibiron os primeiros premios do concurso Lingua de Namorar, destinado a promover a creatividade en galego entre a rapazada que promove a Xunta.

Na categoría de entre 14 e 19 anos, resultou galardoada co primeiro premio Sabela Domínguez Souto, de Verín, pola mensaxe 'Nese intre' que abría o anterior paragrafo. O segundo premio recaeu en Sara Caride Blanco, de Cambados, coa creación titulada 'A perda de tempo'. O terceiro premio foi para Xeila Rey Cambados, de Vilanova de Arousa, con 'Por fin!'. As premiadas recibiron, respectivamente, un teléfono móbil intelixente, un dron con cámara de vídeo e unha torre de son con Bluetooh, amais de cadanseu diploma acreditativo.

Na categoría de entre 20 e 35 anos, a gañadora foi Alba Dono Costoya, de Ordes, con 'De laranxas e grelos', que tamén se reproduciu no primeiro paragrafo. O segundo premio correspondeulle a Clara Presedo Rama, da Coruña, pola mensaxe 'Percepción'. O terceiro premio outorgóuselle a Juan Manuel Sánchez Pardo, tamén da Coruña, polo texto titulado 'Sen batería'. Os galardoados obtiveron, respectivamente, unha cámara réflex, un reloxo intelixente e un disco duro externo; ademais de cadanseu diploma acreditativo.

Os textos gañadores tamén contaron coa versión musical elaborada polo cantautor Manoele de Felisa, que interpretou cada un deles durante a entrega dos premios.

Os internautas foron os protagonistas da primeira fase da valoración das mensaxes presentadas a concurso, ao votaren polas súas preferidas a través do web do certame. De entre as máis votadas, o xurado escolleu as gañadoras tendo en conta o grao de elaboración da mensaxe, a orixinalidade e a calidade da lingua empregada.

Todas as mensaxes participantes pódense ler na páxina do concurso, http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar.html; así como no Portal da Lingua Galega, www.lingua.gal

Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e de Política Social, José Manuel Rey Varela, foron os encargados de entregar os galardóns deste certame que ten como obxectivo promover o uso da lingua propia de Galicia na mocidade a través dos medios con que se comunica na súa vida cotiá, entre os que a Internet e os diferentes sistemas de mensaxería instantánea son fundamentais.

Dinamizar o galego

Román Rodríguez sinalou que "o galego é unha lingua vital, e móstrao o feito de que está entre os trinta idiomas, dos 6.000 que se falan no mundo, que máis presenza teñen na Internet. Traballamos para que isto siga a ser así, conscientes de que, para ser unha lingua de futuro, a nosa ten que estar alí onde está a mocidade, e esta relaciónase -en boa medida- a través da Rede". Román Rodríguez aproveitou para lembrar que "o certame 'Lingua de namorar' quere visibilizar o valor do galego para a sociedade cada vez máis tecnolóxica que nos agarda, e ser un novo estímulo para que os mozos e mozas empreguen o galego.