Uns 30 escritores galegos promocionarán a literatura do país na Feira de Bos Aires

Compostela, cidade convidada na cita, será unha das estrelas - Máis de 150 actos con rúbrica galega se realizarán do 19 de abril ó 9 de maio

30.03.2016 | 02:07
O conselleiro Román Rodríguez co presidente da RAG, onte. // Xoán A.

A Feira do Libro de Bos Aires é unha das citas editoriais máis senlleiras en América e, neste ano, levará o vencello con Galicia afundido na pel ó ser Santiago de Compostela a cidade convidada. Por este motivo, o sector editorial galego, o Concello de Santiago e maila Xunta presentaron onte un programa dos máis de 150 actos que a Irmandiña galega presentará alí da man de preto de 30 escritores e nove editoriais -Galaxia, Alvarellos, KNS, Edicones del Viento, Xerais e Nova Galicia Edicións, entre outras- entre o 19 de abril e o 9 de maio.

Non obstante, a inauguración oficial será o 21; inda que a encargada de estrear as intervencións dos autores galegos será a viguesa Ledica Costas o 22, no Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol, cun encontro con estudantes de galego na capital austral.

Outro autor que terá encontros cos alumnos deste centro será Manuel Rivas que recibirá o premio literario Rosa dos Ventos. Este é concedido cada ano polo centro de ensino arxentino recoñecendo o labor na defensa da cultura e da literatura galegas dun escritor.

Ademais, o escritor participará na homenaxe a Valle Inclán cuxa conferencia inaugural lle corresponderá a Xaquín del Valle -Inclán e presentará o seu último libro O último día de Terranova.

Novo libro tamén presentarán o físico Jorge Mira e Teresa Moure que, ademais, impartirá unha charla sobre o produto cultura contra o poder na Galicia hoxe en día.

Unha achega interesante será a de Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural de Compostela, que presentará o Mapa Literario de Santiago. As persoas asistentes poderán coñecer onde se atopa e como é a que foi a pensión do insigne Álvaro Cunqueiro e Ánxel Fole; a casa de Murguía e Rosalía; así como os talleres da Editorial Nós ou o Hotel Suizo no que se hospedou García Lorca na súa estadía na cidade.

Fina Casalderrey, pola súa banda, levará ata Bos Aires a súa obra literaria pero tamén a curta "Dúas letras", que gañou unha edición pasada do Festival de Cans, na que unha muller esperaba ansiosa as novas en carta do seu fillo emigrado na Arxentina.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine