Máis prestixio para a música galega

Os discos de Xabier Díaz e da Orquestra de Jazz de Galicia entran no top 20 de World Music Charts Europe, a primeira vez na historia que dous traballos galegos comparten lista

03.03.2016 | 02:21
Imaxe dun concerto da Orquestra de Jazz de Galicia. // FdV

É a primeira vez que acontece na historia de World Music Charts Europe que dous discos galegos aparecen entre os vinte máis salientables entre os que mensualmente escollen os xornalistas do Vello Continente que forman esa asociación. Xabier Díaz, acompañado das Adufeiras de Salitre, e a Orquestra de Jazz de Galicia ocupan un lugar destacado nunha lista, publicada na web da WMCE, moi seguida e valorada polos profesionais da música europeos. O último traballo discográfico galego que lograra meterse entre os máis destacados foi "Método cardiofónico", do zanfonista Germán Díaz.

"The Tambourine Man", o traballo de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, e Fame, da Orquestra de Jazz de Galicia e o seu bo facer vén referendado por xornalistas europeos especializados en world music. Díaz entrou na lista de WMCE o mes pasado e mantén unha excelente cuarta posición en marzo, amosando que a música tradicional galega pode ter repercusión alén das nosas fronteiras e supón un descubrimento para algúns ouvintes descoñecedores do que se fai pola nosa terra.

Este mes vai acompañado na prestixiosa lista polos compoñentes da Orquestra de Jazz de Galicia, que logran o vixésimo posto co seu álbum "Fame". Nesa obra volve aparecer no repertorio a música tradicional do país, aínda que nesta ocasión adobiada coas sonoridades jazzísticas propias dunha orquestra que leva ese nome. A mestura entre eses mundos supón un paso novidoso na música galega e os xornalistas do Vello Continente deron o seu visto bo cos seus votos a esa fusión realizada con gusto.

É a primeira vez na historia que dous discos galegos forman parte dos elixidos no Top 20 mensual elaborado por World Music Charts Europe (WMCE). Pode ser un feito illado ou ao mellor significa que os nosos artistas comezan a tomar posicións a nivel internacional. Tendo este ano o Womex, e o programa Focus que naceu coa idea de presentar aos programadores artistas galegos, novamente en Santiago de Compostela ogallá iso axude a ter unha maior visibilidade no estranxeiro. Xabier Díaz valora moi positivamente o seu segundo mes ocupando a cuarta praza "na lista máis importante de world music a nivel europeo e ficar no top ten por dous meses consecutivos é importante, e máis tendo en conta que son case cincuenta dos máis sobranceiros xornalistas deste xénero os que poden votar".

O coruñés canta como solista nun par de pezas do traballo elaborado pola Orquestra de Jazz de Galicia e sinala que "compartir lista con discos e artistas admirados e gañar dimensión alén das nosas fronteiras sempre é un motivo de celebración".

Pola súa banda, Pedro Lamas opina que para a Orquestra de Jazz de Galicia esa presencia no TOP -20 "supón un novo acicate no noso empeño por dar visibilidade internacional á música que se fai en Galicia, nun escaparate que fai posible que o noso traballo pase a ter unha maior difusión no circuíto europeo". No que atinxe a compartir lista con outro álbum galego, o músico sinala "que esa coincidencia por primeira vez na historia reflicte a boa saúde actual da música galega e fala do seu potencial para poder consolidar unha marca de país no mercado internacional".

Mercedes Peón logrou no seu día acceder ao primeiro lugar da lista WMCE e estivo nesa privilexiada situación un par de meses, tamén ocupou o segundo posto, o que resulta moi meritorio e fala do interese suscitado na crítica europea pola súa obra "Sós". A cantante é unha artista moi valorada a nivel internacional, onde chama a atención o seu contundente directo e esa mestura que realiza entre a música con sabor tradicional e conceptos máis vangardistas. A súa presencia comandando a listaxe non é máis que unha constatación do seu tirón internacional. A cantante Uxía tamén logrou meterse nunha boa posición logo das votación efectuadas polo xurado, chegando a acadar o sétimo lugar polo labor realizado na obra "Meu Canto", que estivo durante dous meses entre as máis votadas. O ano pasado, "Método cardiofónico" do zanfonista Germán Díaz, quen leva vivindo hai unha década en Galicia, situouse na sexta posición.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine