Galicia homenaxea a Rosalía de Castro como "referente" da lingua e a cultura

As celebracións do aniversario da escritora sucédense en varias cidades

25.02.2016 | 02:39
Román Rodriguez, Anxo Angueira e Martiño Noriega. // Xoan Álvarez

Concellos, entidades culturais, museos, centros educativos e institucións de toda Galicia celebraron onte o Día de Rosalía, na xornada que se cumpre o 179 aniversario do nacemento da escritora galega, con distintos actos nos que reivindicaron a súa figura como "referente necesario" na busca de "dignidade" para a lingua e a cultura galegas.

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, abriu a xornada cun acto de homenaxe na Alameda de Santiago de Compostela, no que se depositou unha coroa de loureiro na estatua que recorda a Rosalía. O acto contou coa participación de representantes de todos os grupos do Concello compostelano, o alcalde, Martiño Noriega, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Así mesmo, xunto á música das gaitas, varios nenos do Instituto Rosalía de Castro de Santiago leron poemas da autora.

Durante a homenaxe, Angueira destacou que Rosalía de Castro "segue viva" en ámbitos como o mundo académico, o mundo escolar ou as artes plásticas. "Con Rosalía naceu a esperanza unha Galicia libre e digna, que quere dignidade para o seu pobo, para a súa cultura e, sobre todo, para a súa lingua", resumiu. Na mesma liña, Noriega fixo fincapé no "espazo de incomodidade" que Rosalía "habitou" para o seu tempo, con respecto ás "posicións" que adoptou "como muller" e como escritora.

Na Coruña, A Real Academia Galega (RAG) uniuse as celebracións cun recital de Amancio Prada, que interpretou coa súa voz e guitarra composicións da poetisa.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine