HEMEROTECA

Avances na biografía de Rosalía de Castro

A vida de Rosalía de Castro sempre interesou, en Galicia e fóra dela, ao seu extenso número de lectores

24.02.2016 | 12:25
Recreación actualizada de la imagen de Rosalía de Castro // Paula Mayor

Relacións e influencias

  • Certamente, este capítulo –aínda ben pouco explorado– aparece, hoxe por hoxe, como unha das vías de investigación máis vizosas arredor da vida e obra de Rosalía de Castro. Nos comezos da súa carreira, consciente da súa condición de pioneira, Rosalía quere vencellarse a unha tradición de literatura escrita por mulleres, como expresa a súa dedicatoria a Fernán Caballero, primeira destinataria de Cantares gallegos (" Señora: por ser mujer y autora de unas novelas hacia las cuales siento la más profunda simpatía, dedico a Ud. este libro. Sirva el para demostrar (...) el grande aprecio que le profeso, entre otras cosas, por haberse apartado algún tanto, en las cortas páginas en que se ocupó de Galicia, de las vulgares preocupaciones con que se pretende manchar mi país."). Ao erixirse esta obra en trabe de ouro da literatura en lingua galega, Rosalía acada unha posición senlleira e, en adiante, non precisará de autoridades para lexitimar o seu discurso, pois será ela mesma fonte de autoridade, modelo e estímulo para as súas contemporáneas e seguidoras.

    Unha proba elocuente témola na carta que lle dirixe a escritora catalá Agna de Valldaura, felicitandoa pola publicación de En las orillas del Sar, que demos a coñecer recentemente. Agardamos, desde logo, outros achados. Relacións e influencias Rosalía gozou dunha formación intelectual nada vulgar Manuel Murguía (1833-1923).

En 1955, Luis Cernuda, nos seus persoalísimos Estudios de poesía española contemporánea, lamentaba a falta dunha biografía estimable de Rosalía de Castro, e é este, o de Cernuda, un desexo que seguimos sen ver satisfeito neste ano de 2016, no que se cumpren 153 da publicación, en Vigo, de Cantares gallegos. Non explica o poeta da xeración do 27 qué entende por "estimable", pero é lícito supoñermos que ese concepto abrangue, cando menos, tres requisitos que se esixen dunha biografía moderna : obxectividade, transparencia das fontes documentais e mais exhaustividade das referencias bibliográficas.

Se a biografía de Rosalía de Castro, tal como a demandaba Cernuda, aínda está por escribir, non é menos certo que nas dúas últimas décadas se produciron avances significativos no coñecemento das fontes documentais. A investigación nos arquivos galegos públicos e privados, e nalgúns de fóra de Galicia, deu como resultado o achado de textos e documentos para reconstruírmos, con maior rigor, o percurso vital e literario de Rosalía de Castro. Velaquí algúns deles.

Nacemento
Bautizada o 24 de febreiro de 1837, como"filla de pais incógnitos", na capela do Hospital Real, en Santiago de Compostela, a identidade do pai de Rosalía de Castro, o sacerdote José Martínez Viojo, permaneceu sempre envolta na brétema do misterio.

En 2011 publicamos o único documento coetáneo que fala claro nesta cuestión. Trátase dun texto privado, redactado polo farmacéutico padronés Ángel Baltar Varela, amigo do matrimonio Murguía– Castro, quen, o día posterior ao da morte de Rosalía de Castro, redacta esta recensión biográfica de urxencia, no seu libro de apuntamentos: "El 15 de julio de 1885 a la una de la tarde murió en la Matanza, casa llamada de Yáñez, la insigne poetisa gallega Doña Rosalía Castro de Murguía. Se le dio sepultura el 16 (día del Carmen) en el cementerio de Iria a las 10 de la mañana, cerca de la puerta del osario, hacia la parte del sur.

Era hija natural de Doña Teresa de Castro y un capellán llamado Don José Martínez. Se crió, educó en la casa de sus abuelos maternos, frente a la capilla de la Venerable Orden Tercera y que hoy pertenece a D. Juan Gende. Padrón, 16 de julio de 1885".

Primeiros anos
A familia paterna de Rosalía de Castro difundiu unha lenda de abandono, segundo a cal a nai quixo desentenderse da nena e só serodiamente se ocupou dela. Mais a realidade documental veu contradicir esta versión. En 1997 demos a coñecer os datos do censo de habitantes de Padrón, en 1842, no que figuran, empadroadas no mesmo domicilio, Teresa de Castro e súa filla Rosalía.

Este documento é, tamén, o primeiro recoñecemento oficial da maternidade de Teresa de Castro, quen por primeira vez vincula o seu nome ao da súa filla e dálle o seu apelido. Outras moitas pezas documentais, custodiadas, coma esta, no arquivo municipal da vila, permiten trazar un cadro da vida padronesa en 1842, cando Rosalía ten cinco aniños e vive na casa número 4 da rúa do Sol, hoxe de Xoán Rodríguez.

Formación
Quen puido dicir de si mesma que non aprendera "en máis escola que a dos nosos probes aldeáns", non seguiu, en efecto, unha instrución académica regrada, porque non se ofrecía, daquela ás mulleres, pero si gozou dunha formación intelectual nada vulgar.

Así, entre 1847 e 1856, a futura escritora participa activamente na vida cultural santiaguesa, a través do Liceo de la Juventud, unha sociedade que aglutinaba á mocidade do tempo con inquedanzas artísticas e literarias. O achado dun libro pertencente ao Liceo, con notas manuscritas de época, permitiunos documentar a actividade de Rosalia como actriz afeccionada, dedicación que había ter importantes repercusións no conxunto da súa escrita.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine