O mestre galeguista Xosé Mosquera (1895-1965) pasou a historia como "o vello dos contos" por ser pioneiro nos anos 30 dos programas radiofónicos en galego. Pero alén diso, a súa obra máis excelsa a prol da cultura galega foi o traballo que realizou xunto a Xosé Villar Granjel por adquirir a vivenda na que morou a escritora nos seus derradeiros anos de vida, a Casa de Matanza en Padrón como ben de tódolos galegos. Onte, cumplíronse 50 anos do falecemento de Mosquera e onte dábase por 'inaugurado' o arquivo informatizado dos fondos da Fundación Rosalía de Castro, máis de 5.000 documentos que teñen as súas raíces nos anos 30 do pasado século.

"Este archivo estaba antes nunha situación lamentable de conservación. O que fixemos foi despois de varios meses de traballo a cargo de Silvia Arca, coa axuda da Consellería de Cultura, foi unha clasificación, ordenación e catalogación do fondo da parte máis valiosa, ata 970", explicaba o presidente da Fundación, Anxo Angueira.

A aplicación informática permitirá achar os documentos que se procuren relacionados coa creación e desenvolvemento do padroado e a fundación mesmo antes de existiren. "Aquí -explica Angueira- están os documentos que falan da historia da Fundación Rosalía de Castro, de como se fundou, das persoas que particparon, a correspondencia xerada ó redor do tema con Castelao, Bouza Brey, Risco... Tamén temos material fotográfico do século XIX referido a Rosalía de Castro e á súa familia. Algunhas coñecíanse e outras son de familias que as cederon e que eran descoñecidas".

A informatización do arquivo ademais é unha baza de cara o futuro. "Unha vez temos un arquivo, de seguro que hai persoas, familias e entidades que queren depositar aquí o seu legado relacionado con Rosalía. Estamos en conversa con familias que teñen moi valiosos documentos", engadiu o presidente.

Pero voltando ó que se ten na actualidade, as cartas, documentos e outros escritos da Fundación evidencia "os esforzos de intelectuais como Castelao, dende o exilio, para recuperar esa casa. Eses textos impresos, algúns do tempo da República, teñen un valor incalculable. Serven para coñecer a historia de Galicia", agregou.

Para facerse unha idea do que supuxo ter agora a Casa de Matanza como un ben de acceso público, hai que lembrar que o proceso de adquisición foi moi complexo. "Foi difícil a compra da casa e tivo dous artífices: Xosé Mosquera e Villar Granjel. Eran galeguistas dos anos 40, anos complicados, difíciles. A idea de comprar a casa era anterior á Guerra Civil. E trala contenda, Mosquera e Granjel conseguiron comprar a casa falando con Castelao e con Otero Pedrayo. Despois, crearon o Patronato, mesmo poñendo diñeiro de seu", sinalou Angueira.