Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O riso emancipador de Patiño

O pintor presenta mañá un novo poemario, "Teoría do riso", con Julián Hernández, Alberto González Alegre e Manuel Bragado

Antón Patiño, rodeado dos seus cadernos de notas, debuxos e pensamentos. // Marta G. Brea

Máis dunha década despois do seu último poemario, "Océano e silencio" (Tambo, 2000), o pintor e artista Antón Patiño fai unha nova entrega á poesía que tardou en nacer sete anos. O seu novo libro "Teoría do riso" está envolto cun título irónico, nutrido da vida que latexa en cada instante e adobado de recordos "que volven con forza" e momentos compartidos. Existe un ADN da ironía? Esa é a tese que percorre as súas páxinas. A poesía como creación dun sentido outro, subversión e loita sensorial. Unha multitude derrubando ao poder cun entroido de risos. Abren e pechan o poemario citas aos Cadernos póstumos de Franz Kafka: "Unha gaiola foi na busca dun paxaro",comeza. "Na loita entre o mundo e ti,/ apoia o mundo", finaliza.

E vai aparecendo o mar desde Alcabre (Vigo), onde o son das campás podería provocar máis ondas no océano e desenvólvese o riso morno, infantil ou salvaxe. O espazo da imaxinación creativa como liberdade, sen medos nin limitacións, fronte a unha sociedade "na que desapareceron palabras como a utopía". Os seus son poemas breves como aforismos, resumo do ADN da retranca.

Antón Patiño (Monforte, 1957) é pintor mais asegura que a poesía ocupa un espazo central na súa vida. Fixo tamén achegas intensas a Uxío Novoneyra e Lois Pereiro, colaborou en "Loia" e "Rompente"e foi membro fundador de Atlántica. "Hai que estar atento para capturar eses momentos, é a poética do intre", asegura.

Agora expón se é posíbel un riso libertario que rache coa gaiola de ferro. E esa é a cuestión invisible que atravesa o libro. O entroido da revolta daquela toma corpo. Un océano de risas contra a reixa de ferro. É posible acadar unha revolta de risos? Chegar ata o gran riso? Onde está o cronotopo da revolta? Instantes poéticos a escintilar, breves configuracións de palabras ingrávidas, secuencia de relampos sensoriais, baile tipográfico, escrita inzada de imaxes e condensacións a xeito de ideogramas poéticos sobre a páxina en branco.

Entre as referencias -recoñecidas- do autor neste traballo atópase o pintor e escultor Alberto Giacometti. Está adicado tamén a pintora Menchu Lamas, compañeira de Patiño, porque "sorrí moi ben". O pintor xa escribira con Xavier Seoane o manifesto "Hai suficiente infinito"e o seu último libro publicado foi "Escritos de un sonámbulo", en Caballo de Troya.

Eso si, Patiño recoñece que poesía e pintura van da man, "son compañeiras de viaxe". "Alén do soporte, ocorre o mesmo no papel que no lenzo. O proceso que está detrás é unha viaxe desde o inconsciente". E defínese como un pintor con "moito respecto pola poesía", por estar rodeado de amigos poeta, das súas esculcas e do oído poético. Mañá ás 20.00 horas, na libraría Librouro -rúa Eduardo Iglesias de Vigo- presentará o libro "Teoría do riso", coa participación do músico Julián Hernández, de Alberto González Alegre e coa presenza do editor, Manuel Bragado.

Compartir el artículo

stats