Salvemos o Premio de Poesía Victoriano Taibo

Estudos Miñoranos chama a cultura galega a apoiar a cerimonia de entrega para garantir a continuidade do prestixioso certame

06.12.2015 | 03:41
Victoriano Taibo. // Arquivo IEM

Abondaron oito edicións para que o Premio de Poesía Victoriano Taibo acadase un prestixio incontestable no eido cultural galego. Centos de poetas teñen participado xa nun dos certames mellor dotados económicamente do país, que contribúe á difusión da figura do mestre galeguista, escritor, lingüista e académico que lle da nome, inxustamente relegado ao esquecemento. O Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) organiza o concurso desde o ano 2008 en Gondomar co obxectivo de recuperar a súa memoria e a súa obra, ademais de loitar por un Día das Letras na súa honra. O camiño andado estivo a piques de esmorecer hai uns meses por unha decisión política e a incerteza sobre o futuro da convocatoria segue viva. Tanto, que os seus promotores fan un chamamento a veciños, intelectuais e calquera persoa sensiblizada coa cultura a acudir o vindeiro sábado, día 12, á cerimonia de entrega do galardón para apoiar a causa.

Unha nutrida concorrencia "axudaría a visibilizar os valores que tratamos de salientar e a conveniencia de asumir o compromiso institucional inmediato sobre a permanencia do premio", destaca o IEM, entidade que dirixe o escritor e editor Xulián Maure.

O profesor vigués Iñaki Varela Pérez recollerá o premio nun acto que se desenvolverá no auditorio municipal Lois Tobío de Gondomar ás 19.30 horas. O xurado seleccionou a súa obra, "Do outro lado das portas", entre os 42 poemarios presentados pola súa perspectiva social. "Nunha especie de épica actual, dá a particular visión do autor sobre o que nos preocupa hoxe sen que os poemas se resintan na súa construción lírica", salientaban os xuices á hora de emitir o fallo que lle outorga ao gañador 3.000 euros, unha peza conmemorativa do escultor miñorano Fino Lorenzo e a publicación do libro.

O IEM cubrirá nesta ocasión os gastos grazas á aportación do Concello de Gondomar, que fixo posible que a presente edición seguise adiante despois de semanas de inseguridade.

Os atrancos viñeron desde a Entidade Local Menor de Morgadáns, organismo que colaborou co certame desde o seu inicio porque foi nesta parroquia de Gondomar onde Victoriano Taibo impartiu clases ao longo de vinte anos, desde 1930 ata 1950, no seu momento máis prolífico. O anterior presidente de dita entidade, Urbano Esmerode, firmou un convenio co IEM en 2007 polo que a institución se comprometía a sufragar os gastos do certame con 5.500 euros. A primeira edición contou cunha gala de entrega arroupada por ducias de espectadores, entre eles numerosos intelectuais, e nela viron a luz varias obras do autor: unha reedición de "Da Agra aberta, contos e lendas" e os poemarios "Abicedo" e "Cabrinfollas", inéditos ata daquela.

O acordo seguiu vixente ata hai uns meses. O novo pedáneo, Javier Gregores, rachouno de xeito unilateral e deixou a convocatoria senfondos cando o xurado estaba a punto de fallala. Alegaba dificultades económicas para asumir gastos "máis necesarios" para a parroquia. Foi entón cando o IEM buscou o amparo do Concello de Gondomar, "que actuou de forma sensible e rápida para asegurar que o premio vise a luz", suliña o colectivo cultural. "Esperamos que a sensibilidade amosada no rescate da presente edición sexa fermento que faga medrar entre as administracións locais e comarcais a valoración dunha acción cultural como a que supón este certame e consideren oportuna a súa definitiva consolidación", engade.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine