A profesora e activista cultural María Xosé González Chamorro recibirá hoxe ás 12.50 unha emotiva homenaxe por parte dos seus compañeiros e alumnos no instituto Escolas Proval de Nigrán un mes despois do seu falecemento aos 55 anos de idade.

A súa perda sacudiu a comarca o pasado 23 de marzo e causou unha gran conmoción especialmente no ámbito educativo e tamén no cultural. Licenciada en Filoloxía Galega, comezou a dar clases no centro nigranés hai 26 anos e alí desenvolveu a súa faceta como docente "cunha gran profesionalidade e entrega", segundo salientan docentes e alumnos que compartiron experiencias con ela.

Como muller comprometida coa dinamización da cultura galega e local, foi cofundadora do Instituto de Estudos Miñoráns e publicou diversos libros e artigos de investigación lingüística e literaria, ademais de exercer como tradutora e asesorar outros autores nas súas obras.