Quince anos despois da súa primeira formulación, en días pasados asinouse un renovado convenio de galeguización entre o Concello de Redondela e o tanatorio Tanamañó, para promover o uso normalizado do idioma nos actos fúnebres. Acordouse avanzar no proceso de normalización lingüística, para garanti-los dereitos dos galegofalantes. Neste sentido Tanamañó comprometeuse a formentar e estende-lo uso do galego, a ofrecer modelos de necrolóxicas e lápidas funerarias en lingua galega e a respecta-la toponimia oficial. Pola súa banda, o Concello ofreceu o asesoramento e o material lingüístico que fose necesario, dende o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL). Ó acto asistiron o alcalde Javier Bas, e Alfonso Pereira e Xosé Santos, en representación do tanatorio.

Esta sinatura realízase no contexto da campaña "En galego, agora e sempre", que a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística está a promover por toda Galicia.

Fontes do SNL indicaron que o uso do galego nos actos funerarios en Redondela aínda é limitado, aínda que si "está funcionando" nas parroquias. "Progresivamente enténdese a coherencia de utilizar o galego na derradeira despedida de aquelas persoas que o tiveron usado toda a súa vida", sinalan.