Aterra en Gondomar coa misión de organizar a plantilla da Policía Local de cara a unha transformación en termos de cantidade e calidade, ata acadar os 15 axentes en 2009, segundo as previsións do goberno municipal. Obdulio Iglesias Otero é, desde onte, o novo xefe do corpo de seguridade municipal e pretende abrilo á coordenación cos equipos policiais dos concellos veciños de Nigrán e de Baiona e coa Garda Civil, ademais de por en marcha un plan de prevención da delincuencia entre os máis novos.

-Como atopa a Policía Local de Gondomar?

-Coñezo ben a plantilla desde hai meses. É un equipo de xente moi preparada coa que se pode facer un moi bo traballo. Teño moi boa realación con José Antonio Rodríguez [o anterior xefe] e vai ser un elemento fundamental nesta etapa. A Xefatura da Policía non é cousa dunha soa persoa e eu veño sumar e potenciar, non sustituir a ninguén. Son un efectivo máis ao que se lle encargou a tarefa de organizar o equipo.

-Cre que a plantilla é pequena?

-A nivel comparativo con outros municipios, si. Nove axentes para 16.000 habitantes son poucos. Se se cumpren as previsións do alcalde de acadar 15 efectivos, xa estariamos nun número de axentes co se pode cubrir un servizo adecuado.

-Vai crear o turno de noite que tén anunciado o alcalde?

-Cos efectivos que hai, é imposible organizar tres turnos de traballo. Pero sí cubriremos turnos de noite en datas puntuais ao longo do verán.

-Que vai cambiar?

-Non é cuestión de cambiar, senón de reorganizar o traballo en función dos recursos que temos e mellorar o servizo. Teño un proxecto a dous anos para iso.

-En que consiste?

-A miña prioridade é a prevención da delincuencia nas súas fases máis iniciais. Queremos trazar unha liña de colaboración estreita cos Servizos Sociais e coas direccións dos centros de ensino, para tratar a prevención da delincuencia, cortar de raíz o acoso escolar, o grooming... Penso que temos que estar moi presentes aí. Tamén é primordial reforzar a coordinación coas policías de Nigrán e de Baiona e coa Garda Civil. As policías locais non poden ser corpos illados.

-Fala da colaboración cos colecios. Precisamente está de actualidade en Gondomar o problema da seguridade vial nos seus entornos, tras o atropelo dunha muller e do seu bebé no Chano Piñeiro.

-Nós somos un servizo operativo con nove axentes que nos permiten ter unha patrulla por turno e en Gondomar hai cinco colexios e dous institutos. As prioridades de asistencia establéceas o equipo de goberno, pero penso que sería importante reforzar a concienciación sobre a educación viaria entre os nenos e os pais.

-Foi vostede o único que se presentou ao concurso convocado polo alcalde, Francisco Ferreira, para cubrir a xefatura. Non é unha praza atractiva?

-Para min sí o é. E sopesei moito á hora de presentarme o feito de que o alcalde coñeza ben como funciona a profesión.

-Xa se coñecían.

-Si, desde hai anos. Fomos compañeiros de traballo na Academia Galega de Seguridade e tivemos unha relación de camaradería. Agora el é o alcalde e eu son un funcionario, que accedeu ao posto a través dun concurso, e temos unha relación profesional.