Facer "unha Galicia de oportunidades" con políticas transversais que aproveiten os recursos propios e cunha aposta clara por unha formación que reforce a investigación e o emprendemento e pola dotación de solo industrial. Son algunhas das propostas do PSdeG para aa comunidade que exporá o seu voceiro no Parlamento galego, Xaquín Fernández Leiceaga, esta tarde a partires das 20.00 horas na aula de cultura Ponte de Rosas de Gondomar. O socialista fala do Val Miñor para FARO antes de acudir hoxe ao segundo dos faladoiros "Galicia 2017-2020. Presente e futuros", organizados polo Instituto de Estudos Miñoráns coa presenza dos catro portavoces da Cámara.

-Que propón para o Val Miñor esa estratexia do PSdeG a catro anos vista?

-Somos un país pequeno e non nos podemos pechar ningunha porta. No caso do Val Miñor temos un pouco de todo e hai que aproveitalo. Desde o solo industrial de Porto do Molle ata o turismo ou o sector primario, coa explotación forestal, os produtos da horta, ou a pesca, tan importante na comarca. Podemos resolver os problemas dos produtores pero tamén traballar na transformación e acadar un alto valor engadido.

-A crise dos percebeiros ameaza o sector do mar na comarca. Tén solución?

-A Xunta está a impoñer limitacións ao seu traballo e tén que escoitalos.

-Que pensa do conflitivo arranque da Área Metropolitana, na que o Val Miñor tén moito que dicir?

-Nós sempre fomos favorables ás áreas metropolitanas, pero a Xunta amósase en contra, ve un contrapoder nelas. No caso de Vigo, a Xunta tén que aceptar que está en minoría e que debe colaborar lealmente.

-Resolverá o problema do transporte en Gondomar?

-Espero que si, xa que a Xunta non fixo o seu traballo ao ordenar as concesións.

-O PSOE vive un momento favorable nunha comarca históricamente conservadora. Poderá mantelo con dous alcaldes en minoría?

-Si. O PSOE tén capacidade de sacar cousas adiante con diálogo e de resolver os problemas dos veciños, coma ocorre en Nigrán e Gondomar ou mesmo en Lugo.

-E en Baiona? É posible recuperar a Alcaldía?

-Superado o problema do liderado, o obxectivo é marcar unha estratexia para acadala.

-Como voceiro parlamentario, como afronta as crises do seu partido en Galicia e en España?

-Ttemos que resolver o liderado e pornos a traballar para ofrecer un proxecto sólido.

-O PSdeG apoiou a Pedro Sánchez ante o comité federal. Vai respaldar a Patxi López nas primarias?

-É prematuro pronunciarse. Deixemos que avance o proceso.